O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
O fermoso baúl da memoria
Hoxe sobre as pedras do Colexio Fingoi caen as pingas de choiva tristes e saudosas... Ás veces a natureza convertese nun espello de nós mesmas e reflicte o estado de ánimo ou de des-ánimo que poboa os nosos corazóns. A memoria é o fermoso baúl no que gardamos todo aquilo que nos constrúe como persoas e se vai enchendo cos risos da infancia, coa alegría rebuldeira da xuventude e coa máis serena e consciente alegría dos anos de madurez... e tamén cos inevitables desastres que poboan as vidas de cadaquén...
No Fingoi resoan os alegres ecos de todas as xeracións de alumnas e alumnos que foron facendo a historia dun centro educativo singular, anovador, vangardista e comprometido coa calidade educativa e coa cultura. E nese espazo de xogos e aprendizaxes están aínda rexoubeiras as pegadas daqueles nenos e nenas que ao comezo da aventura educativa emprendida por don Antonio Fernández, con Carvalho Calero como director, nos anos 50 do século XX, emprendían vida arredor dos saberes e o coñecemento.
Aínda nos finais do 2019 cando comezaron os preparativos das celebracións do ano Carvalho Calero nas Letras Galegas 2020 os risos desas primeiras xeracións volveron ao colexio, a casa común daqueles pioneiros e pioneiras que se reencontraban para lembrar ao seu mestre... Un tesouro no baúl común, as vivencias compartidas, as anécdotas e sobre todo a complicidade, o afecto, a amizade forte e rexa a través de décadas... Alí estaban Manolo Sández, Siña Fernández Puentes, Pepa Carro, Juan Carlos Teijeiro, Mari Loli, Adela Figueroa, Marcos Fernández Puentes, Araceli Herrero, Macali Herrero... e un longo etcétera.
Estes mesmos, aos que se sumaron outros integrantes desas primeiras promocións de alumnos, abrían a exposición sobre Carvalho Calero que se inauguraba en xaneiro de 2020 no Colexio Fingoi como inicio dunha prevista extensa programación de actos arredor das Letras Galegas 2020. Alí se entrelazaban recordos con proxectos en común, vindeiras reunións e actos conxuntos...
O riso seguro e os ollos cheos de inquedanzas de Araceli Herrero brillaban. A complicidade e a alegría polo vivido uníanse á celebración, e unha muller xenerosa, comprometida coa cultura galega e coa investigación, compartía saberes e traballos... compartía vitalidade.
Hoxe as pedras do Colexio Fingoi están molladas polas pingas da saudade. Botan de menos os pasos miúdos e o riso de Araceli, e gardan os ecos dos seus xogos de nena, do seu medrar, e o brillo intelixente do seu ollar.
Permanece o seu exemplo e compromiso.