Fernández, Mari Loli

Nostálxica lembranza dunha amiga e compañeira: Lilí

O meu escrito recolle vivencias compartidas cunha amiga querida e recordos espallados, que procurarei ordenar cronoloxicamente.

Os primeiros recordos e vivencias compartidas con Araceli (sempre Lilí para a familia e os amigos) sitúanse no Colexio Fingoi. Finais dos anos 50? Non sei con exactitude cando entraron ela e a súa irmá Carmen (Macali), pero meus irmáns (máis próximos a min en idade) e eu xa levábamos uns anos no Centro; eu podería ser unha adolescente, leváballe algúns anos a Lilí. A imaxe que vexo na miña imaxinación é a dunha rapaza morena, con rizos e uns ollos escuros, vivos e alegres. Unha nena ALEGRE, simpática e falangueira (co tempo, chegaría a ser unha grande conversadora e conferenciante), vital e sempre en actividade; unha alumna que se facía notar, moi participativa nos variados eventos e actividades da vida do Colexio: veladas (obras de teatro, danzas, coro…) festas, viaxes de estudos e outros actos culturais dentro e fóra de Fingoi.

Recordo ben, por exemplo, cando lle concederon un premio de poesía nos Xogos Florais de Poesía que organizaba o Colexio Peleteiro en Santiago de Compostela. É un feito e momento que me quedou gravado. Era moi importante e as compañeiras/amigas estábamos contentas! Don Ricardo Carvalho, director entón de Fingoi, presentou os seus poemas xunto cos de outras alumnas, que tamén foron premiadas.

Falábase naqueles anos de colexialas, ao menos entre as amigas, de que Lilí era unha das alumnas predilectas de don Ricardo. A miña opinión persoal (ao menos é o que recordo dende os ollos observadores da rapaza que era naqueles anos) é que o noso profesor de Lingua e Literatura, Historia, Latín…, apreciaba a valía e o talante dos alumnos e alumnas con carácter forte, vitais, que participaban con aplomo, entusiasmo e éxito, nas representacións das obras teatrais (moi frecuentes nas veladas do Colexio) e nos actos culturais. Unha era Araceli.

Por outra banda, Lilí faloume en varias ocasións da grande amizade que tiñan seus país con don Ricardo e a súa dona. Así que é normal que o profesor sentise un afecto especial polas fillas, Lilí e as súas irmás. Ela sempre sería unha discípula moi querida e avantaxada do profesor, ao que quería, admiraba e respectaba moito.

Fernández, Mari Loli

Nunha das festas que se celebraban no Colexio Fingoi

Na nosa familia estaba moi presente, xa comentei que era moi amiga da miña irmá Carmen. Acódenme á memoria recordos dela na nosa casa de Lugo e tamén na de Santa Cristina (A Coruña), onde pasábamos os veráns. Ela, coa súa familia, veraneaba na próxima Praia de Bastiagueiro. Como nós éramos moitos irmáns, xuntabámonos tamén con moitos amigos de diferentes idades nos momentos de ocio e xogos. Compartíamos merendas, diversión e moitas risas. Non hai moito tempo comentábame Lilí como, ás veces, recuperaba na mente estes momentos compartidos e sentía que formaba parte da nosa familia. Eu agradecíalle moito os recordos, o cariño e a amizade.

E chegan os anos universitarios. Cando Lilí comeza a carreira de Filosofía e Letras creo que eu estaba en terceiro (ou cuarto?), xa cursando a especialidade de Filoloxía Románica. Co seu dinamismo e entusiasmo de sempre, integrouse axiña no grupo de danzas da Universidade, do que xa formábamos parte algunhas antigas alumnas de Fingoi, como a miña curmá Melisa. Incorporáronse tamén entón Siña e Macali, a irmá de Araceli. Todas aprendéramos no Colexio as danzas e as cancións tradicionais galegas. Grazas a esta actividade compartíamos experiencias vitais intensas. Actuabamos nas festas dos Colexios Maiores, especialmente nas do Colexio San Agustín, onde tamén ensaiábamos. Cantos momentos divertidos e interesantes! Nunha desas festas tivemos a sorte de coñecer a don Ramón Otero Pedrayo. Foi algo moi especial para todas, compartimos conversas e bromas con el. Era moi simpático e afable.

Nos cursos 68/69 e 69/70 eu traballei no Departamento de Lingüística e Literatura Galega como axudante de don Ricardo Carvalho Calero. Entre outras misións, tocábame vixiar nos exames de Literatura Galega e de Literaturas Románicas, materias que impartía o noso antigo profesor. Alí estaba Lilí (xa casada), rematando a carreira. Lémbrome dela embarazada de bastantes meses, mirábaa e sufría un pouco coa miña amiga, pola tensión e o esforzo do momento. Observándoa, admiraba a súa forza de vontade e o seu empeño e constancia na situación que estaba a vivir…. Seguiría admirándoa ao longo dos anos pola sua brillante traxectoria académica, investigadora e docente.

Co seu marido Humberto creou unha estupenda familia. Era unha nai atenta, colaboradora, moi pendente dos seus tres fillos. Tiven a sorte de telos como alumnos no Colexio Fingoi (ao que, cos anos, regresei como profesora). Eran intelixentes, activos, traballadores, brillantes e, sobre todo, boas persoas, como seus pais. Os dous menores foron amigos e compañeiros dos meus fillos. Así que a amizade continuaba na seguinte xeración.

Lilí sempre seguiu sendo moi colaboradora e participativa na vida e nos proxectos de Fingoi, como nai, como antiga alumna… Estaba aí en todo momento, disposta a aportar, a axudar con entusiasmo e xenerosidade cando se lle solicitaba… Sempre.

En febreiro do ano 1992 celebrouse en Santiago de Compostela o “Simposio Internacional Muller e Cultura”. Araceli era unha das organizadoras e, por suposto, relatora. Entón veu ao Colexio a falar con Siña e os profesores coa finalidade de animarnos a participar con comunicacións feitas polos alumnos de Bacharelato. Explicóunolo con tanto interese, entusiasmo e insistencia, que decidimos abordar o proxecto tamén con ánimo e entusiasmo, mais un pouco asustadas. Coordinámonos as profesoras de Arte e Plástica, Historia e Literatura e aparecemos na sede do Congreso, en Santiago, cun grupo de alumnos e alumnas e as súas comunicacións, elaboradas en equipo ou individualmente.

Fernández, Mari Loli

Grupo de Danzas da Universidade de Santiago na praza do Toural (1965). Nel, Lilí, Mari Loli Fernández e Melisa Fernández Puentes.

Alí estaba Lilí animando con alegría e enerxía aos alumnos ao mesmo tempo que presentaba as lecturas das súas comunicacións. Foi unha enriquecedora e gratificante experiencia para todos, pola que sempre lle estaremos agradecidos. Recordo que o público asistente asombrábase da xuventude dos relatores.

E, ademais, todos asistimos moi contentos á lectura do seu relatorio sobre dona Emilia Pardo Bazán. Que interesante e grande aprendizaxe para os nosos alumnos!

Podería seguir escribindo sobre as conversacións con Araceli: cando coincidiamos na rúa, en actividades, etc.; cando estaba elaborando a súa tese doutoral, o seu entusiasmo pola poesía de Luis Pimentel; as preocupacións pola situación do galego, no ensino e na nosa sociedade; o seu interese por que os seus alumnos da Facultade de Formación do Profesorado fixeran as prácticas no Colexio Fingoi… Estenderíame moito!

Fernández, Mari Loli

Grupo de Danzas da Universidade de Santiago no Hostal dos Reis Católicos. Lilí, abaixo á dereita

Unha das últimas actividades compartidas coa miña amiga, aparte dos eventos en torno ao Día das Letras Galegas adicado a don Ricardo, foi a participación nun interesante Club de Lectura ao que eu acudía. Nesta ocasión animeina eu e non dubidou. As súas achegas e comentarios eran sempre interesantes e enriquecedores.

É unha dolorosa coincidencia que Araceli nos deixase no ano en que se lle adicou o Día das letras Galegas ao seu querido e admirado mestre. Xunto con el, figurará entre os intelectuais, investigadores e escritores galegos máis importantes da actualidade. Unha vida forxada con plenitude e unha perda demasiado prematura, que deixa unha profunda tristeza.

Sempre recordaremos a Lilí con moito agarimo e nostalxia.