Freixanes, Víctor

Lembranza dunha amiga

Fóisenos Araceli Herrero Figueroa, no mes de xuño, o mesmo mes do seu nacemento en 1948, na mesma cidade de Lugo, onde morou e desenvolveu a meirande parte da súa actividade docente e académica. Levouna a covid-19 o 10 de xuño de 2020, logo de loitar durante varios meses contra a pandemia. Unha das primeiras baixas. Case que non o criamos. Un día tras outro María Vitoria Carballo Calero e Xulián Parga dábannos o parte aos amigos, coa esperanza da recuperación, que non se produciu.

De seguro que nestas mesmas páxinas outros compañeiros e compañeiras farán a glosa dos seus méritos intelectuais, dos seus traballos de edición e critica literaria, da súa preocupación pola didáctica e as súas moitas achegas a esta especialidade, na súa condición de directora do Departamento de Didáctica da Lingua e profesora da Universidade de Santiago de Compostela no campus lugués. O seu traballo está na memoria dos seus compañeiros e alumnos. Eu prefiro deixar nestas notas a miña pegada persoal.

Era unha das colaboradoras do profesor Carballo Calero na cátedra de Lingüística e Literatura Galega da universidade compostelá. Así a recordo. Eu era alumno de don Ricardo, da promoción 68-73, e ela formaba parte do equipo do departamento. Non sabería dicir en que condición nin con que dedicación, pero algunha vez veu impartir aulas en substitución do profesor. Esa é miña primeira impresión, case que a primeira estampa de Araceli, á que os seus amigos de Lugo chamaban Lilí.

A segunda memoria ten que ver coas nosas oposicións a cátedra de instituto: a primeira promoción de catedráticos de lingua e literatura galegas para o ensino medio. Os exames comezaron o 26 de febreiro de 1981, tres días despois do intento de golpe de estado do tenente coronel Antonio Tejero e outros altos mandos militares. Ben que lembro o estado de ánimo dos compañeiros e compañeiras de oposición. Alá van as cátedras e alá vai o galego! Mais na data sinalada alí estabamos, na vella facultade da praza de Mazarelos. Presidía o tribunal Constantino García. E alí volvo recordar outra vez a presenza de Araceli. Para o exame da encerrona eu escollín “A materia de Bretaña”. Sen que ninguén a avisase, Araceli presentouse na porta da aula cunha maleta chea de libros. “Aquí tes. Como escolliches ese tema? Tiñas outros máis doados: Curros Enríquez, o Rexurdimento… Toma. Esta é a bibliografía básica que podes citar”. A min sempre me fascinou o universo artúrico. O meu problema non era encherme de libros e referencias para a exposición, que non debía durar máis dunha hora. O meu problema era precisamente o contrario: atopar a sintaxe eficaz para unha disertación didáctica. Pero ela, Araceli, estaba alí, animándonos, a min e aos compañeiros e compañeiras que pasaramos a primeira peneira dos exames.

Dende aquela, sempre que me atopaba con Araceli Herrero, non só na miña condición de docente senón xa como editor, dirixindo Edicións Xerais de Galicia e despois Editorial Galaxia, a nosa relación foi extraordinariamente afectuosa. Como era ela. E xuntos asumimos un dos seus máis ambiciosos e queridos proxectos: a edición da obra completa de Luís Pimentel, poeta polo que tiña unha devoción especial.

Preparamos a edición con tempo e en tapa dura, consonte os méritos que o traballo merecía. Con anterioridade, Araceli xa editara e estudara a poesía do autor de “Triscos” en “Luis Pimentel. Obra Inédita o no recopilada”, Edicións Celta, 1981; “Sobre Luis Pimentel, Álvaro Cunqueiro e Carballo Calero. Apontamentos de Filoloxía. Crítica e didáctica da literatura”, A Coruña. Ediciós do Castro, 1994; “Unha cidade e un poeta (Lugo e Luis Pimentel)”, Deputación de Lugo, 2007… Asemade, dedicou atención a outros autores e autoras, como Emilia Pardo Bazán, o teatro de Armando Cotarelo Valledor, o teatro de Xesús Rodríguez López (en colaboración coa súa compañeira Aurora Marco)… Mais a atención á obra de Luis Pimentel ocupou unha parte moi importante da súa actividade como crítica e investigadora. Textos en galego e en castelán, en verso e en prosa, editados e inéditos. Podemos dicir que é a edición definitiva dun dos grandes poetas do seu tempo.

Hai unha fermosa fotografía, tirada na galería Sargadelos de Lugo, onde aparece Araceli Herrero Figueroa, Lilí, á par de Benxamín Casal, daquela presidente da Editorial Galaxia, que nos deixaría en agosto de 2013. Eran moi amigos. Tamén están na foto Fuco Basanta, bisneto do poeta, e Xesús Pérez, propietario e responsable da devandita galería. Era o 28 de xuño de 2011. Presentación de “Luis Pimentel. Obra Completa”. No centro, entre os catro, Araceli está no mellor da vida, radiante, luminosa, co sorriso que sempre a acompañaba.