O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Na memoria de Araceli Herrero Figueroa
O 11 de Febreiro de 2020, convidada pola asociación cultural Lugo Patrimonio, tiven a honra de proferir unha conferencia sobre Ricardo Carvalho Calero, no salón de actos do vello cárcere da nosa cidade de Lugo. A ela asistiu Araceli, grande amiga do noso profesor e experta na súa obra. Falamos coa simpatía recíproca de sempre, comentamos sucedos de Lugo e da Coruña (onde ela viña con frecuencia); vina animada pois tiña realizadas as probas do pre-operatorio, con data xa prevista para unha cirurxía necesaria. Quen me diría que aquel encontro ía ser o derradeiro. Semana após semana funme interesando polo seu estado a través de amizades comúns, sempre na esperanza dunha recuperación, embora lenta, posíbel, até que o 10 de Xuño o seu fío de vida rachou. Descansa en paz, querida Araceli.
As liñas que seguen non son máis que unha evocación ben pequena dunha traxectoria académica dilatada, que a levou a ocuparse de Castelao, Luís Pimentel ou Álvaro Cunqueiro, para alén do seu mestre, Carvalho Calero, a quen dedicou páxinas exemplares. As que aquí vou comentar cobran un carácter especial, polas datas en que foron publicadas: en Marzo de 1991, no cabodano do ilustre escritor, e en Maio de 2020, dentro da celebración carvalhiana do Día das Letras Galegas. Case trinta anos, pois, de diferenza entre un e outro artigo: inmediata homenaxe póstuma e recordación final dos traballos e os días de Fingoi e de Lugo. O primeiro deles foi publicado no monográfico especial editado por A Nosa Terra “Ricardo Carvalho Calero. A razón da esperanza”, como xa dixemos, ao ano do seu falecemento. O traballo de Araceli: “Intertextualidade, contra-obra e re-teatralizaçom” sobre o teatro carvalhiano e, moito en particular, sobre a súa obra máis representada, “A farsa das zocas”, é sinxelamente imprescindíbel. Éo porque, dunha forma rigorosa e innovadora, libera esta peza do falso corsé costumista en que unha leitura superficial-desatenta-rotineira podía encerrala, ao se tratar da dramatización dun conto popular de existencia previa, recollido en San Sadurniño pola estudante Esperanza Carnero Dopico, a quen llo relatara un viciño daquel lugar, Ignacio López. Peza representada xa no Colexio Fingoi no ano 1958, editada primeiro na revista Grial, despois no volume Catro pezas e, afinal, na última e autorizada edición do autor, en 1982, no volume intitulado “Teatro completo”. Realmente, o artigo de Araceli é un estudo completo e profundo da obra, que, como xa indicamos, resgata das leituras planas e falsamente popularistas, no sentido de ecuacionar tradición da cultura oral-popular a simplicidade e primitivismo. A doutora Herrero Figueroa, por contra, demostra como un motivo popular-tradicional é aproveitado por Carvalho (diríamos nós, ao modo rosaliano) para compor unha dramatización absolutamente moderna, que desfai fronteiras de xéneros literarios e practica a pé feito o xogo co espectador, á maneira pirandelliana. É así como a fábula orixinaria vira en artefacto teatral anovado, en intelixente combinación de monólogo e de diálogo e onde as mesmas personaxes interactúan no palco e fóra del, co público. Por iso, a autora do estudo fala de meta-teatro ou de re-teatralización e por iso conclúe: “Até certo ponto estamos ante um discurso crítico metateatral, reflexión de um dramaturgo que postula novas funçons para o seu teatro ou para o teatro galego”.
A segunda entrega carvalhiana a que nos referimos pertence ao volume de homenaxe “Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso”, editado pola Universidade de Santiago de Compostela no Día das Letras Galegas de 2020, con edición debida ao profesor Francisco Cidrás. Nesta ocasión, Araceli titulou a súa colaboración: “Anos lugueses e tempos de Fingoi. Ricardo Carvalho Calero, profesor e filólogo, sobre fondo gris na cidade murada”. Este debeu de ser, con toda probabilidade, o último traballo académico asinado pola autora, o que subliña o seu carácter testamentar. Coidamos que ela xa non o puido ver editado en libro. No seu comezo, dá conta cumprida da simbiose científico-artística que define o dedicatario das Letras Galegas:
“Ricardo Carballo Calero, unha das figuras máis destacadas daquel século XX no que se centra a súa vida, recibe este ano a homenaxe da Real Academia Galega que lle dedica o Día das Letras Galegas. É de xustiza. Profesor e investigador maxistral, de amplísima cultura e formación que proxectaba nas aulas, conferencias, discursos académicos e publicacións, foi estudoso de extremado rigor científico, no campo lingüístico e literario, na filoloxía galega e hispánica, e foi á vez home enormemente creativo, dotado dun moito desenvolvido sentido da estética, destacado poeta, narrador, ensaísta e dramaturgo, analista con aguda visión de futuro e profundo coñecedor do noso pasado histórico.
Era home de fortes conviccións, sentido da ética, disciplina e inmensa capacidade de traballo. Todos soubemos do seu amor a Galiza, demostrado ao longo da súa vida, e que xa se revelou a moitos de nós desde as aulas do inesquecíbel Colexio Fingoi, aquel singular centro de ensino que evoca o magnífico tándem que conformaron dous recoñecidos galeguistas: don Antonio Fernández López, o seu fundador, e don Ricardo Carballo Calero o seu director (certamente, conselleiro-delegado) e profesor.”
A partir desta síntese, leremos un completo e emocionado percurso académico-biográfico que implica tanto ao retratado como á retratista, porque a biografía intelectual da tamén profesora e escritora Araceli Herrero Figueroa está estreitamente vinculada á figura do seu mestre primeiro e inesquecíbel, de xeito que vemos un e outra, neste filme tan evocador canto exacto dos quince anos lugueses que Xulio Xiz tivo o acerto de titular “Don Ricardo de Fingoi”.
Araceli e unha servidora coincidimos na autoría colectiva dos dous volumes sinalados. Tamén en vídeos de homenaxe ao noso profesor e mestre. Agora emociona vela e ouvila como se a tivésemos entre nós. Canto mudou e en que pouco tempo. As nosas mellores memorias para a súa persoa e para o seu legado de amor e dedicación á cultura galega.