O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Somos os de sempre
Supoño que nesta homenaxe multitudinaria e merecida a Araceli Herrero colaborarán filólogos, estudosos da súa obra, ex alumnos que quizáis traten nos seus escritos a figura de Araceli dende un punto de vista máis académico ou intelectual, por elo eu vou recorrer nesta miña achega ao apartado de vivencias, ou mesmo ao anecdotario.
Coñecía a Araceli dende sempre, como acostuma dicirse, maiormente por un parentesco común que mantemos. O seu pai, Cipriano, foi o dentista que me arrincou o primeiro dente de leite que se negaba a caer da miña cativa boca. A historia do dente voando, e eu que quería buscalo para que o rato Pérez me trouxese o meu regalo, fixo que aínda rísemos un bo pedazo cando llo contei un día que nos topamos na rúa.
Pero ao que vou. Con Araceli e o seu marido coincidín durante moito tempo nas inauguracións de cantas exposición de pintura, fotografía, escultura ou presentacións de libros tiñan lugar en Lugo. Non se podía dicir que fósemos moitos os asistentes a estes actos, ou sexa, como agora, de aí que un día, ao coincidir nun deles espetoume: “Sempre somos os mesmos”.
A frase serviu para que en posteriores e similares encontros fose case que un saúdo cando nos topábamos. O tempo foi pasando e a derradeira vez que nos falamos foi no Colexio Fingoi, na presentación da homenaxe do Día das Letras Galegas a Carbalho Calero. Ela, acompañada pola súa irmá Macali, estaba como ex alumna e grande estudosa do profesor, eu simplemente como ex alumno de don Ricardo en Compostela. Daquela comenteille con sorna, “hoxe non podemos dicir que somos os de sempre porque hai bastante máis público”.
Souben logo, xa andando o tempo, da súa longa doenza e do seu pasamento. Araceli, non sei onde andarás agora pero non esquezas que, con todo, seremos os de sempre.