Herrero Latorre, Carlos

A prima Lilí

Na miña casa Araceli sempre foi Lilí, e máis concretamente a prima Lilí, porque, ademais de por ser compañeira no Campus Lucense da USC, a miña relación con ela venme de familia, pois era prima carnal de meu pai, José Luís. Lilí era filla de Maruja Figueroa e de Cipriano Herrero, odontólogo ben coñecido en Lugo (e en Monterroso, onde tamén exerceu). Conta Adela Figueroa na súa lembranza na páxina web do Consello da Cultura Galega que Lilí recibiu da súa nai, Maruja, o amor pola lectura, o cultivo da cultura e a vontade de ser independente, e do seu pai a disciplina, e o orgullo do traballo ben feito. E abofé que estes valores eran perfectamente recoñecibles nela. Educouse no Colexio Fingoi, onde coñeceu a Ricardo Carvalho Calero, e onde comezaría unha relación coa cultura e a lingua galegas que lle había de durar para sempre. Certo é que ela dicía que aqueles anos de Fingoi marcaron o seu carácter e o seu futuro (como o de moitos de nós que estudamos naquel centro). Logo do seu paso polo Instituto, estudou na Universidade de Santiago, na cidade de Compostela, licenciándose en Filoloxía Galaico-Portuguesa, e tamén en Filosofía e Letras, onde tamén obtivo o doutoramento, baixo a dirección de Carvalho Calero, cunha tese sobre a obra inédita de Luís Pimentel. E todo iso xa sendo esposa e nai. Velaquí a traballadora infatigable, que dende moi nova foi quen de compaxinar axeitadamente as súas dúas grandes paixóns, o traballo docente-investigador e a familia, cousa nada doada.

Herrero Latorre, Carlos

Cipriano e Maruja, pais de Lilí

Fondamente comprometida coa docencia (foi das primeiras profesoras en ensinar en galego tras o franquismo), e moi apreciada polos seus alumnos, toda a súa traxectoria docente estivo ligada ao Campus de Lugo, en principio no Colexio Universitario de Lugo (xermolo do actual Campus), e logo na Escola de Formación de Profesorado, felizmente convertida en Facultade, onde foi Catedrática do Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura. Tiven coñecemento da actividade de investigación de Lilí chegados os meus 20 anos, e perfectamente recordo unha anécdota familiar que me puxo alerta sobre o seu traballo. No ano 1981, Araceli publicou na Editorial Celta o estudo da súa tese doutoral “Luis Pimentel Obra inédita o no recopilada”, e lembro que nunha reunión na casa familiar dos meus avós, en Fingoi, ela obsequiou a meu avó e a meu pai con senllos exemplares. Uns días despois, nunha conversa, o meu avó Xesús díxome referíndose ao libro de Lilí: “O desta rapaza ten moito mérito, estamos?”. Oír semellante loanza dun home moi pouco dado aos eloxios fíxome consciente do interese do seu labor investigador, que non souben valorar axeitadamente ata moitos anos máis tarde, cando eu mesmo ingresei no gremio dos investigadores (no meu caso en Química), e cando vin o respecto e atención con que era tratada nos círculos académicos da súa especialidade. Non me corresponde nestas breves verbas analizar a traxectoria científica de Lilí, doutores ten a Santa Igrexa, que o farán con máis coñecemento ca min, pero creo que é de xustiza mencionar os seus estudios sobre Emilia Pardo Bazán, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Armando Cotarelo Valledor e, por suposto, tamén sobre Ricardo Carvalho Calero, de quen foi discípula predilecta. Mágoa que as Letras Galegas correspondentes ao ano 2020, dedicadas precisamente a Carvalho, non se poidesen levar adiante en condicións de normalidade, e contando coa sabedoría de Lilí sobre o persoeiro homenaxeado.

Herrero Latorre, Carlos

Lilí e Humberto xunto a Marisa Latorre nunha voda familiar

Pero se grande foi a figura académica de Lilí, maior aínda o foi como persoa e no entorno familiar. Muller de carácter, de voz poderosa, moi faladora, simpática e con fina ironía, de carácter optimista, sempre positiva, e cun sorriso permanente. Tivo Lilí a fortuna de pertencer a dúas familias longas, Herreros e Figueroas. Nestas familias abondosas Lilí mantivo relación estreita coa morea de tíos, primos, primos segundos, e outros parentes. Para todos tiña conversa e unha palabra amable. Ela era desas persoas que son quen de manter clans unidos. De certo Lilí era unha persoa que se facía querer. Meu pai José Luís, e sobre todo miña nai Marisa (a pesares de non ser Herrero, senón Latorre), sempre se levaron estupendamente con ela e o seu marido, Humberto, e como o agarimo tamén se herda, pois eu tamén tiven unha moi boa relación de amizade con ela, máis intensa canto maior me fixen.

A nosa última conversa foi o 31 de xaneiro de 2020, co gallo da presentación dun libro de José Manuel Villanueva. Falamos da familia, da súa xubilación, dos fillos. Tan animosa, expresiva e encantadora como sempre. Porén, pouco despois chegou esta pandemia que aínda nos asola, o confinamento, e logo a súa desgraciada enfermidade, coa dramática evolución que coñecemos. De verdade foi unha pena, porque a ela non lle tocaba. Cando nos deixa desta maneira tan inesperada e absurda unha persoa tan vital como Lilí, algo dentro de nós morre tamén. Recordala co seu sorriso é a mellor homenaxe que se lle pode facer, porque ela, sen dúbida, o merece.

O meu cariño para o seu home, Humberto, e os seus fillos Cristina, Álvaro e Gustavo.