Lugilde, Paloma

Unha muller sempre disposta a sumar

Non lembro nunca nin unha soa palabra que saíse dela que non fose de alento cara ao traballo dos demais, sempre atopaba unha mensaxe apropiada para dar pulo á persoa que a escoitaba.

Araceli sementou moito máis do que ela podía imaxinar en cada unha das persoas que pasamos ao seu carón.

Araceli MESTRA

Araceli supuxo unha guía fundamental no traballo do Colexio Fingoi, un espello onde mirar como facer as cousas… e despois tiven a gran sorte de atopala de novo no ámbito universitario cando asumín a dirección da Compañía de Teatro da USC-Lugo.

Araceli é desas persoas que abriron o corazón e a súa experiencia a unha rapaza que estaba empezando, e que segue a empezar cada día no mundo educativo do teatro.

Araceli cría firmemente no labor pedagóxico da Expresión Dramática dentro do currículum educativo, no da persoa en todo o seu conxunto.

Araceli… aínda hoxe, resoa na miña cabeza.

Araceli Herrero vivía en primeira persoa, tal e como nos relata no caderno número 82 de marzo de 1990 da Escola Dramática galega, “O Teatro en Fingoi”, toda a labor que Carvalho Calero (1950-1956).

O teatro, sempre presente en Fingoi, continuou ao longo dos anos da man de Siña Fernández, destacando as visitas de Carlos Heráns como formador de formadores, e de Dolores Fernández (quen tamén fora alumna e compartira experiencias con Araceli), aos que se unen nomes tan importantes xa na etapa que coñecín en Fingoi con Maria Luisa Salgado, Carmen Carricoba, Lucía Lence, Chus Río, Uxía Silva... Escribindo estas liñas decátome de que son todas mulleres.

Pasaron xa máis de dúas décadas desde que no ano 2000, cando o teatro era unha extraescolar, o grupo Badulaque representou de novo no Círculo das Artes de Lugo “Os Vellos non deben namorarse”. A función era unha homenaxe á representación de 1965 do “Lance de Pimpinela” no Instituto Lucus Augusti, a cargo do grupo de Fingoi dirixido por Carvalho, como clausura do Primeiro Curso de Lingua Galega, impartido en Lugo polo profesor Arcadio Casanova.

A representación de Badulaque contou cunha marabillosa introdución de Araceli, que explicou polo miúdo ao público os pormenores daqueles anos de representacións, e nomeadamente da do 65.

Lugilde, Paloma

Ao ano seguinte desta representación de Badulaque e, en gran medida, polo apoio de Araceli, o Colexio Fingoi con Siña Fernández na dirección dá un paso moi importante: A introdución da Expresión Dramática como materia dentro do currículum desde a etapa de Educación Infantil ata Secundaria e, a partir de aí, como taller flexible vencellado á Área de Lingua. Xa despois o teatro pasou a ser entendido como un eixe transversal das Experiencias Globalizadoras.

Este punto de inflexión deu pé ao posterior nacemento das Xornadas de Artes Escénicas (once edicións), unha convocatoria que sempre contou dalgunha maneira coa presenza de Araceli, e que reunía en Lugo á maioría dos centros educativos de Primaria e Secundaria de toda Galicia durante un mes de actividades e representacións que, nalgún ano, superaron o medio centenar. Nesas xornadas os grupos representaban, pero o máis importante era a convivencia entre elas, compartían, interactuaban e vían uns os traballos dos outros.

E despois… a recuperación do espazo formativo ao estilo da Escola de Verán, o TEATEATRE.

Lembro aínda hoxe o día que entrei na Facultade de Formación do Profesorado e me convidou a sentarme no seu despacho… Faloume sobre o teatro, sobre a súa importancia dentro do currículum… A conversa foi desas que deixan pegada e non se esquecen.

Por iso, que destacar de Araceli?

- A súa crenza na xente, no resultado do bo traballo, na persistencia.
- A súa loita porque a expresión dramática estivese dentro do currículum educativo como parte fundamental do mesmo, sen escatimar esforzos. O teatro é o mellor exercicio de tolerancia posible, o teatro fai que te poñas no lugar das outras persoas.
- O necesario labor de documentación das cousas para poder seguir crecendo. Somos froito do que fixeron outros antes que nós e debemos, como formadores, sumar esforzos, fuxir dos individualismos.

Grazas, Araceli.