Marco, Aurora

Entrega e paixón pola Terra

Tiña muito por facer e por nos ofrecer. Así o percebín aquel 24 de xaneiro de 2020 cando nos encontramos, despois de muito tempo sen nos ver, na exposición dedicada a Carvalho Calero en Ferrol. Estaba contenta pola homenaxe ao polígrafo ferrolán e, segundo me manifestou, o mellor contributo que podería facer para as Letras Galegas sería estudar a súa obra, máis unha vez, coa idea de centrarse na faceta ensaística, porque á poesía, narrativa e teatro xa dedicara moitas páxinas. Só puido cumprir parte daquel desexo coa elaboración dun traballo sobre os anos lugueses, como docente en Fingoi e como crítico literario e historiador da literatura; traballo publicado que, infelizmente, non puido ver porque o machado da morte xa a arrincara dos seres queridos, das amizades, das xentes que a estimaban e admiraban e das paisaxes que máis amaba.

Hai momentos que permanecen nas nosas vidas con pegada perdurábel e fican gravados a lume nas nosas retinas e nos nosos corazóns: palabras, lugares, imaxes, facianas, risos, olladas limpas e transparentes que tan ben comunicaban… Retrocedo no túnel do tempo e trasládome a mediados dos anos 70, cando nos uniron a profesión e don Ricardo. Foron tres décadas de relación intensa, con angueiras comúns, preocupadas pola situación que atravesaba(mos) o profesorado de Lingua e Literatura Galega nas Escolas de Formación do Profesorado: pasamos anos sen dotación de prazas, ancoradas nun status ben coñecido, o de “penenes” -quer dicer, profesorado non numerario-, ao que se engadía a filosofía lingüística que defendíamos e practicábamos, o reintegracionismo, que complicou aínda máis a nosa situación laboral nun período de persecución da disidencia en materia ortográfica que dificultou, sobre todo ao comezo, a publicación das nosas investigacións. Iso, talvez, nos inclinou máis ao traballo, a continuar co proceso de perfeccionamento, de autoformación, de dedicación ás aulas e de asistencia a eventos científicos.

Visualizo Lilí, sempre a chamei así, naqueles encontros e nas primeiras viaxes que fixemos xuntas na década dos 80 a congresos ou simposios da especialidade para presentarmos os nosos traballos, varios feitos en colaboración, como aconteceu co libro “O teatro de Xesús Rodríguez López” (1988). Alén das sesións de actividade congresual, onde era doado perceber a formación que recebera en Fingoi -inspirada nos principios da Institución Libre de Enseñanza e da pedagoxía máis avanzada- e na USC, o talento, o nivel de lecturas que posuía e a avidez por saber cada día máis, lémbroa tamén nos momentos de lecer: empática, sempre co sorriso na boca, e nos ollos, cunha alegría contaxiosa, educadísima e cunha simpatía natural cando tomaba confianza. Daqueles momentos gozosos lembro un de maneira especial: a asistencia ao Seminário Luso-Galaico do VII Centenário do Foral de Caminha en outubro de 1984. Após as reunións de carácter científico, Carvalho convidábanos todos os días a xantar e cear, sen deixarnos pagar, porque argumentaba non saber que facer cos escudos. Naquelas horas de distensión, Lilí e don Ricardo eran dunha amenidade enorme e rememoro aquelas veladas gastronómicas, e de conversa, con nostalxia. Tras a cea, o noso profesor e amigo acompañábanos á casa particular onde durmíamos e así se aseguraba que ficábamos recollidas.

Marco, Aurora

Araceli Herrero e Aurora Marco con Carvalho Calero no I Congreso de AGAL (Pazo de Ramirás, setembro 1984)

Nesta evocación saudosa, limitada polo espazo, unhas palabras sobre a brillante traxectoria investigadora de Herrero Figueroa: cunha sólida formación, deu ao prelo excelentes traballos de filoloxía, crítica literaria e didáctica da literatura. Autora de numerosa obra, alén de artigos sobre temática diversa, de publicacións en libros colectivos e en actas de congresos nacionais e internacionais, os libros de autoría individual que publicou constitúen unha achega fundamental para a cultura galega: especialista en Pimentel -a quen dedicou as teses de licenciatura e doutoramento e seguiu con estudos decisivos durante toda a vida-, editou a súa obra completa e deixou os textos fixados; a obra de Carvalho Calero non tiña segredos para ela, escrebeu sobre a súa poesía, narrativa e teatro e comezara co ensaio cando se produciu o seu deceso; tamén centrou a investigación en Cunqueiro -do que era lectora apaixonada-, nomeadamente no seu teatro, xénero de atención preferente no conxunto da súa obra; volveu a Emilia Pardo Bazán, escritora que lera na adolescencia, para nos entregar un salientábel estudo do labor creativo da coruñesa ao que incorporou textos non recompilados ou descoñecidos. E non esquezo a edición anotada do teatro histórico e mariñeiro de Cotarelo Valledor, un volume cunha interesante introdución, que posibilitou a lectura de tres pezas de non doada localización. Nalgúns traballos que viron a luz na revista Agália utilizou os seudónimos Zivegna D´Ascoli e Jorge Sande.

Na breve conversa que mantivemos en Ferrol, díxome que quería dedicarse á faceta creativa e que tiña varios relatos escritos. Non sería a primeira vez: sei que durante algún tempo cultivou a poesía -descoñezo se continuaba nos últimos tempos- e na súa xuventude fora premiada nos Xogos minervais do colexio Peleteiro. E en Agália (nº 6, 1986) pódese ler o seu “Solilóquio de Irene”, asinado como Jorge Sande.

Finalizo. Podo imaxinar o grande baleiro que deixou na súa familia, nas amizades, nos seus compañeiros e compañeiras, como deixan as mulleres-luz, as mulleres-voz, as mulleres-entrega a Galiza, o seu espazo xeográfico, como dicía con frecuencia. Alá no alén, seguro que don Ricardo e Liliana -así a chamaba ás veces o profesor- estarán lendo no libro das estrelas, como afervoados lectores que eran desde a infancia; ou conversando sobre “Aos amores seródios”, un texto carvalhiano que a entusiasmaba e sobre o que escrebera. E, como amaban a poesía, talvez andarán a escoitar o rapsodo mentres interpreta “Saudade dunha voz”, que Carvalho recompilou en “Pretérito Imperfeito” (1980), con cuxos versos finaliza o poema e esta lembranza:

Como canta esa bris,
asi cantaba ela,
asi era a sua voz.

Aquela voz que era feixe de estrelas
esparegidas polo ceu da dor.

Marco, Aurora

Araceli Herrero e Aurora Marco no Simpósio Álvaro Cunqueiro organizado por AGAL (Mondoñedo, abril 1991)