Pardo Teijeiro, Xosé Francisco

En lembranza de Araceli Herrero Figueroa

Hai xa un ano que a maldita COVID-19 nos deixou sen a nosa prezada amiga. O tempo, coma un furacán rabioso, esvaece con prontitude os contornos na nosa fráxil memoria, mais nunca logrará borrar as pegadas daquelas persoas, como dicía Pondal, boas e xenerosas que a nosa voz entenden. Araceli era desa clase de persoas.

Araceli Herrero Figueroa pertencía a unha familia de tradición e arraigamento na capital, das “de toda la vida”. Aínda que lucense intramurallas por vocación, tivo tamén Lilí moita relación coa Ulloa. O seu pai, o entrañable Cipriano Herrero, era un soado médico odontólogo que tiña consulta aberta en Lugo, e amais viña, unha ou dúas veces á semana, a consultar a Monterroso, onde fixo moitos amigos monterrosinos, como o respectado doutor Espiño ou o célebre pintor e historiador Antonio Yebra de Ares, ao que o Instituto de Estudos Ulloáns dedicou a súa sala de exposicións.

Nos seus desprazamentos a Monterroso, ao doutor Herrero acompañábao con frecuencia a súa filla Araceli, que gozaba xogando coa rapazada da vila, entre a que tamén fixo boas e perdurables amizades. Na última conversa que tiven con ela, falábame dos gratos recordos que tiña de Monterroso, do seu contacto co mundo da aldea, que consolidou a súa identidade como galega do interior, e sobre todo da imaxe costumista da afamada Feira de Santos, cita obrigada da súa familia todos os anos e que aos ollos dunha nena adquiría un certo carácter máxico. Estrañaba aqueles tempos das grandes feiras de gando, cando se convertía a vila, por uns días, no eixe do carro da Galicia rural.

Fíxose Lilí Herrero socia do IEU como lembranza do seu pai e das súas vivencias na Ulloa e, en esencia, como solidariedade coa nosa causa, que non é outra que a da cultura. Hai dous anos ofreceunos, para colaborar con nós na exposición que organizamos como homenaxe a Yebra de Ares, óleos deste pintor da súa colección particular, e dos que o seu pai tiña grande estima, especialmente dunha paisaxe da montaña lucense.

Araceli Herrero Figueroa era Licenciada e doutora en Filoloxía Románica (Español), e licenciada tamén en Filoloxía Galego-Portuguesa. Foi catedrática no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. De trato pracenteiro e erudita conversa, Araceli era unha muller de refinada cultura. Escritora, ensaísta e crítica literaria, foi discípula de Ricardo Carballo Calero, primeiro como alumna do Colexio Fingoi, despois no mundo académico e sempre no mundo da cultura.

Lembro aos dous no Colexio Fingoi, do que tamén fun alumno. Don Ricardo era director do colexio e profesor de Lingua e Literatura Castelá, aínda que, sen ser oficial, impartía tamén a galega. O centro foi pioneiro, na escura Galicia franquista, en moitos eidos educativos, como a educación mixta, a motivación do alumnado ou a aprendizaxe no medio natural e de índole agropecuaria.

Entre as moitas actividades didácticas e artísticas que se organizaban acotío no colexio, a que máis fonda pegada deixou en min foi o concurso-recital de poesía que se celebraba en cada curso académico. Aos alumnos máis novos, os dos primeiros cursos do antigo Bacharelato, dábannos a escoller entre obras de diferentes poetas para recitar, e eu escollín a Rosalía, Curros e Pondal, cun poema de cada un e nun escenario que nunca esquecerei. O xurado, parapetado tras unha solemne mesa alzada sobre unha, ao meu parecer, inabarcable tarima de madeira, estaba presidido por Carballo Calero e por Lilí Herrero, a súa alumna avantaxada, unha rapaza de non máis de 18 anos que para nós xa era toda unha mestra da literatura galega e pola que sentíamos unha grande admiración.

Foi Araceli Herrero autora de monografías, obras colectivas e artigos sobre lingua, literatura e didáctica en diversas publicacións e revistas literarias galegas, entre as que destacamos o seu traballo sobre o teatro en Fingoi e os seus ensaios sobre Luís Pimentel e Emilia Pardo Bazán.

Lembraremos sempre con agarimo a Araceli Herrero Figueroa, culta filóloga, mestra da lingua e literatura galegas, fiel discípula de Carballo Calero e amiga solidaria do Instituto de Estudos Ulloáns.