O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
A miña lembranza
Querida Araceli:
Canto me costa escribir esta mensaxe que vai dirixida a ti alá onde te atopes! Fúcheste en silencio vai facer un ano, e agora é tempo de expoñer sentimentos que me son necesarios manifestar e que desexo sexan para ti a miña homenaxe e o meu recoñecemento como persoa, escritora, docente, investigadora, e destaquen a ligazón que mantivemos máis de 40 anos ligadas a una institución á que fomos sempre leais, e á que nos sentimos orgullosas de pertencer, a USC.
Quero facelo hoxe, porque é un día especial, 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado a unha muller, Xela Arias, escritora e docente coma ti. E nun ano en que tamén se rememora o centenario da morte de dona Emilia Pardo Bazán á que ti dedicaches unha parte da túa labor investigadora.
A nosa relación foi máis alá da que pode ter a bibliotecaria dun centro cos seus usuarios e usuarias; o tempo e a boa sintonía fomentan unha ligazón estreita entre as persoas, compartindo vivencias, éxitos, tristuras, alegrías e discrepancias, e fortalecen as relacións entre os compañeiros e compañeiras que camiñamos xuntos pola mesma senda, creándose sentimentos que se asentan no corazón para sempre.
Lembro a túa chegada como profesora de Lingua e Literatura Galega ao Colexio Universitario de Lugo: apareciches no meu posto de traballo situado nun espazo que máis que unha biblioteca parecía unha nave industrial de grandes dimensións, alá o fondo do edificio da Escola de Peritos... Botaches unha ollada e dixeches: “Isto é a biblioteca?”. Así era.... pero ao pouco terminaches por recoñecer que tiña algo especial, todas as paredes estaban forradas de carteis dos grupos de teatro experimental que viñan a facer as súas representacións por iniciativa e moito interese do persoal do colexio. E aquelas xuntanzas que puiden manter co alumnado, nas que se falaba de todo (temas académicos, políticos, sociais...), e nas que ás veces participaches... facíanos gracia porque un profesor veu a chamar a aquel espazo “El Café Gijón”.
Alá andabamos polos anos 76, 77... Cun cambio político, nacendo a democracia e coa ilusión de vivir tempos novos, de liberdade, e tanto por facer e descubrir... Aquela alegría e ilusión que puidemos compartir todos, cunha inquietude nova que xerminaba xa, e pola que comezamos a loitar e recoñecer “a universidade en Lugo”, que cos anos vimos plasmada no desenvolvemento do Campus Universitario de Lugo.
Entre amigos
Por aqueles tempos andabas coa túa tese e viaxabas a miúdo a Santiago, tempos nos que o profesorado compartía as viaxes para ter as correspondentes citas cos directores das teses. A precariedade fortalecía as relacións entre compañeiros e sobresaían actitudes de axuda e solidariedade. Ti, xenerosa, ofrecíaste a quen non tiña medios para compartir o teu coche. Así manifestoumo un profesor de aquel tempo, hoxe catedrático, que viaxou moitas veces contigo.
No Colexio Universitario non estiveches moito tempo porque xa fuches contratada como titular na Escola de Maxisterio, sendo xa Facultade de Formación do Profesorado, e aquí estiveches ata a túa xubilación, e eu tamén como directora da biblioteca desde o ano 93. Volvemos traballar máis preto. Este foi o teu centro por excelencia, aquí desenvolviches toda a túa carreira profesional na docencia, vendo pasar moitas promocións de alumnos e alumnas, moitos mestres e mestras que veñen formando a xeracións de rapaces en escolas rurais e urbanas, na educación infantil e primaria.
A túa labor de investigación é rica e ampla, coa publicación de ensaios críticos sobre Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero e Emilia Pardo Bazán, así como obras feitas en colaboración e unha colección de artigos publicados en diferentes revistas científicas. Toda a túa produción queda reflectida e constitúe a túa pegada no catálogo da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.
Deixas un importante patrimonio intelectual que contribuirá o engrandecemento do coñecemento literario de xeracións futuras.
Quero tamén, querida Araceli, antes de despedirme, compartir contigo a satisfacción que ambas sentimos xunto a moito profesorado do noso centro coa apertura da Sala de Investigación da Facultade. Eu síntome moi orgullosa dela, de como recuperamos todos os mobles antigos espallados por todo o edificio, os sofás que gardan tantas historias, o fondo bibliográfico antigo que reflicte o devir da educación desde metade do século XIX, primeiras edicións, textos de pedagogos insignes e outros obxectos que fan visible a historia deste centro... sempre Maxisterio.
Todo iso fai esta sala especial e emblemática. Ti a utilizabas sempre cando tiñas algún evento, entrevista ou reunión con xente de fóra, para ti era o mellor escenario posible, sempre dándolle valor.
Adeus, amiga, compañeira, profesora, desde esta sala que gardará os nosos pasos e lembranzas e sempre na miña memoria.