Abel Vilela, Adolfo

Grazas, Lilí, por ter sido a miña fan

Para os que somos do Lugo de dentro das murallas, podemos dicir que nos anos 50 e mesmo nos 60 do século pasado sabiamos quen era quen, non polas redes sociais da nova tecnoloxía, que non existían, senón polo simple feito de residir e de convivir nun espazo pechado por un cinto de pedra milenario. Cando menos, tiñamos unha referencia puntual das familias que tiñan orixe naquela clase burguesa de comerciantes e pequenos industriais de fins do século XIX, que chegaron aquí despois de que o fixese o tren.

Por iso podo dicir que Araceli pertencía a unha familia “das de Lugo de toda a vida”, aínda que pola rama paterna dos Herrero non tivese unha dilatada historia no padrón municipal, pois os seus antepasados procedían da localidade palentina de Villaramiel, aínda que posteriormente montaron un curtidoiro preto da estación na parte baixa de Paradai.

Os descendentes destes pequenos industriais xa emparentaron con outros membros da súa mesma clase, tamén dos “de Lugo de toda a vida”, e subiron un chanzo pasando pola universidade, que os capacitou para exercer profesións liberais.

Eu era fillo de honrados traballadores que co seu esforzo e o progreso dos tempos acadaron a categoría de clase media. Así que e a miña clase social daquela era inferior a de Araceli, ela estudou no Colexio Fingoi e eu na Escola do Traballo, por iso non tiven a oportunidade de coñecela persoalmente nos tempos mozos, é máis, antes de ter trato con ela coñecina cara o final dos anos 60 a través dunha foto familiar na que estaba a súa nai Maruja Figueroa coas tres nenas, que lle deran ao pintor Luís Gómez Pacios para que lle servise de guía para facer un retrato.

Pasado o tempo tiven a oportunidade de ter trato con Araceli cando xa eramos profesores, converténdose nunha das miñas fans e propagandista. Cando eu daba unha charla sobre algún tema relacionado con Lugo, alí estaba ela, que ademais procuraba levar para que me escoitasen a algunha das súas irmáns ou amigas.

Sempre se mostrou moi xenerosa na gabanza pública do meu traballo, algo infrecuente, ata o punto de que despois de xubilada matriculouse no IV Ciclo da Universidade de Santiago para asistir as miñas clases de Historia da Cidade, porque gustaba coñecer o pasado do lugar no que naceu, onde formou a súa familia e exerceu o seu magnífico labor profesional. Mesmo mercaba os meus libros, que me pedía que lle dedicase a unha das fillas que, segundo me contaba, tamén tiña unha especial devoción polo noso Lugo.

No ano 2006 fundamos Lugo Patrimonio e no mes de outubro do ano 2007 fíxose socia, sendo asidua asistente ás conferencias e mesmo a algunha das viaxes que organizamos. No ano 2019, no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas a Ricardo Carballo Calero, un dos seus profesores en Fingoi e despois na Universidade, pedímoslle a súa participación para que nos dese unha conferencia sobre o persoeiro, pero rexeitouno porque estaba pendente dunha viaxe familiar a EE.UU. e unha intervención cirúrxica, do mesmo tipo pola que eu pasei dúas veces como se fose un paseo militar. Sen novidade.

Pero ás veces hai pedras no camiño postas polo destino para impedirnos avanzar. Chegamos ao mundo atados a el, marcándonos sen razón aparente cando temos que rematar o noso ciclo vital, ás veces, como neste caso, anticipadamente. Eu algo sei destes adiantos inxustos.

Nacemos chorando mentres que os que nos contemplan sorrín mostrando a súa ledicia de ver un novo elo que ven a substituír a outro desta cadea infinita que é a vida. Pero as tornas trócanse cando ese elo se perde, sendo agora os que choran aqueles que antes riron.

Grazas, Lilí, polo teu sorriso final, pola túa vitalidade, polo teu labor na familia e na sociedade, por formar parte da nosa Asociación, por ter sido a miña fan. Lembrámoste!

Abel Vilela, Adolfo

Maruja Figueroa coas súas fillas. Cadro de Luis Gómez, 92x73, ca. 1970