Caldeiro, Eloi

Lembranza de Araceli

Coñecín a Araceli, aló polo ano 1978, sendo eu estudante de maxisterio. Eran momentos de inquedanzas e esperanza, estabamos loitando, entre outras moitas cousas, polo idioma, logo de tantos anos prohibido. Foi ela, de xeito oficial, a primeira profesora en dar clase de galego en Lugo, a encargada de formar no ensino do noso idioma ás mestras e mestres que logo irían ás escolas ensinar a nosa lingua. Nese tempo algúns de nos, da man dela, coñecemos o reintegracionismo e mesmo pasamos a formar parte dos primeiros afiliados de AGAL. Tamén por aquelas datas o seu departamento trouxo a Isaac Alonso Estravís a presentar o seu imprescindible dicionario.

Naqueles anos de maxisterio programamos moitas actividades: recitais de poesía, concertos de música, viaxes a distintos puntos da xeografía galega na procura da nosa cultura... Gardo con especial cariño a que nos levou ata a tumba de Celso Emilio Ferreiro, pouco tempo despois do pasamento do bardo de Celanova. Alí, fun un dos que lin un poema dedicado ao creador de “Longa Noite de Pedra”.

Unha vez rematados os estudos seguín mantendo relación con ela; anos despois tiven a sorte de que Araceli aceptase escribir o limiar do meu primeiro libro, “Anacos de Silencio”. Mantivemos contacto todos estes anos, unhas veces porque lle facía chegar novos poemas ou o meu último traballo discográfico. Moitas das veces comentabamos, simplemente, da actualidade ou da vida. Porque Araceli era persoa que estaba atenta a todo o que sucedía no país, e cada vez que nos atopabamos tiñamos longas conversas. Falar con ela era para min motivo de ledicia, sempre co sorriso nos beizos, as súas reflexións e puntos de vista sempre aportaban algo novo. Cantas veces temos comentado do inxusto da tardanza en dedicarlle o Día das Letras a Carvalho Calero, o seu admirado mestre! E tivo que ser no ano no cal, por fin!, foi emendado tanto desleixo sobre o mestre ferrolá, que o destino nos arrebatou o seu sorriso.

Mais Araceli Herrero Figueroa non marchou, está, xa para sempre, nun destacado lugar no firmamento das e dos intelectuais que estudaron a nosa lingua e literatura e tamén nos corazóns de todos os que a quixemos.