Fernán Vello, Miguel Anxo

Presenza viva de Araceli Herrero Figueroa

Todo o mundo sabe que Araceli Herrero Figueroa foi a primeira profesora en ensinar lingua galega en Lugo tras a ditadura franquista, e que a catedrática e doutora era discípula -así se consideraba ela e así o consideraba el- de don Ricardo Carvalho Calero. Eu coñecín a profesora luguesa nos tempos da fundación da Associaçom Galega da Língua, alá polo ano 1981, e o primeiro que percibín na súa persoa, sumada ao seu sorriso sempre amábel, foi a grande intelixencia e a gran sensibilidade que emanaba, algo que en poucas frases de conversa se transparentaba de inmediato.

A alumna do Fingoi -lémbrao Francisco Pardo, estudante compañeiro naquela altura e na actualidade director do Instituto de Estudos Ulloáns-, eleita como “avantaxada” por Carvalho, xa presidía o xurado dos recitais de poesía que tiñan lugar no espazo académico lugués, onde resoaban os versos de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Luís Pimentel, entre outros poetas galegos. A aínda adolescente Araceli Herrero cristalizaba a súa experiencia intelectual, literaria e de coñecemento no mellor dos ámbitos académicos.

Un día apareceu nas miñas mans o libro titulado “Luís Pimentel. Obra inédita o no recopilada” (1981), publicado pola entrañábel Celta de Lugo, e da autoría da que acabaría sendo máxima estudosa da obra e da figura do autor de “Sombra do aire na herba”, sobre quen realizara, dirixida por Carvalho Calero, a súa tese doutoral. Esta obra serviu para me reafirmar na miña admiración polo poeta lugués e, a partir deste momento, xa seguín de xeito progresivo os traballos de investigación literaria e de ensaio da nosa filóloga e escritora. Sobre Pimentel viñeron logo outras obras fundamentais: o libro “Unha cidade e un poeta (Lugo e Luís Pimentel)” (2007) e a edición da súa “Obra Completa” publicada en 2009.

Mais Araceli Herrero Figueroa, estudosa tamén da experiencia pedagóxico-teatral levada a cabo en Fingoi, dedicou traballos monográficos, que viron a luz en forma de libro, a figuras de alto valor e interese literario e histórico: velaí as investigacións e interpretacións realizadas sobre Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro, Armando Cotarelo Valledor, Ánxel Fole ou Xesús Rodríguez López. E, da mesma maneira, non podemos deixar de citar dous importantes estudos, entre outros, de Araceli Herrero sobre Emilia Pardo Bazán que hoxe cobran especial actualidade: “Estudos sobre Emilia Pardo Bazán e recompilación de dispersos” (2004) e “Emilia Pardo Bazán. “Feminista: desigualdad intergenérica y maltrato doméstico” (2020). Nestas dúas obras, como en todas as anteriores, a ensaísta e crítica luguesa mostra, alén da súa recoñecida erudición, unha gran capacidade de análise literaria, actuando en todo momento con máxima ponderación e facendo gala dun espírito de construción discursiva que nos desvela sempre aspectos esenciais dos temas investigados.

Ademais do seu labor ensaístico e de crítica literaria -habería que publicar todo o “corpus” disperso de ensaios breves, artigos e recensións da autora-, Araceli Herrero dedicou unha boa parte do seu esforzo intelectual e científico a materias propiamente relacionadas coa didáctica da lingua e da literatura, non en van foi profesora na Escola de Formación do Profesorado do Campus de Lugo (USC), profesora titular na Facultade de Formación do Profesorado e directora do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura da mesma universidade.

Pola súa curmá, a bióloga e tamén escritora Adela Figueroa, soubemos que a nosa Araceli chegou a publicar na revista Grial varios contos literarios da súa autoría baixo o pseudónimo de Civegna Dascoli, e tamén descubrimos que existen varias obras de creación literaria inéditas coa súa sinatura, entre elas varios conxuntos de poemas, pois a nosa autora tamén escribía poesía, do que dá conta a obtención do Premio Nacional de Poesía dos Xogos Florais Universitarios recibido en 1966, ou un dos Premios das Festas Minervais que se celebraban en Santiago de Compostela, cando xa se recoñecían os nomes da Xeración das Minervais, entre os que figuraban Xosé Luís Méndez Ferrín, Franco Grande, Xohana Torres, Arcadio López-Casanova ou Salvador García Bodaño.

Sabido todo isto por min, aínda recentemente -e refírome á Araceli poeta real-, entendo eu agora a sensibilidade para a lírica e o coñecemento da palabra poética que posuía a escritora luguesa, realidade esta da que eu podo dar fe despois de diferentes conversas mantidas en privado con ela mesma sobre o fenómeno poético e os abismos de asombro que o convocan.

Sen dúbida, a profesora e escritora Araceli Herrero Figueroa seguirá a estar presente, como unha referencia viva, non só no ámbito propiamente lugués senón en todo o espazo cultural galego. O seu compromiso lingüístico e universitario, a fondura das súas investigacións literarias e a súa elegancia e nobreza persoais son xa unha marca indelébel no tempo. Sexa aquí, e sempre, a miña homenaxe á súa figura intelectual e a miña reverencia permanente á súa persoa.