O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Lilí, a miña gran amiga e compañeira, á que sempre lembrarei
Araceli Herrero, para os que a coñecemos e compartimos amistade e vida con ela, era Lilí. Eu falareivos dela desde o persoal, como amigas que fomos dende nenas. O meu primeiro contacto con Araceli Herrero, Lilí, foi aló polos anos 1959-1960 no Colexio Fingoi cando nese curso viñeron a estudar ao colexio o Bacharelato, tanto ela coma a súa irmá Macali, e alí estiveron estudando ata o remate do Bacharelato no curso 1964-1965. Lilí estaba nun curso máis avanzado ca min, era compañeira da miña irmá Tona, e tiña como compañeiros tamén á miña prima Camolas (Carmen Fernández Fernández) e a Manolo Sández Macho.
Sempre tiven unha grande amizade con ela e coa súa irmá Macali, coa que aínda hoxe manteño ese profundo vínculo. Para min as dúas eran como miñas irmás. Houbo unha estreita relación con ela e coa súa familia por diversos motivos, entre outros porque eu era e sigo sendo, como dicía, moi amiga da súa irmá Macali. Tamén polo seu marido Humberto: como ela sempre dicía, foi grazas a que o meu pai, Antonio Fernández, o trouxo a traballar como enxeñeiro de Camiños cando fundou a fábrica de Cementos de Oural, que Lilí e Humberto se coñecesen e deseguida se fixesen noivos. Por último, están os anos pasados xuntas en Fingoi, que fixeron que os nosos lazos de amizade se estreitasen cada vez máis. Pasábamos alí desde ás 09:00 ata as 20:30 de luns a venres e os sábados pola mañá, os domingos íamos a misa, e tamén bailábamos coa música daqueles tempos: rock, twist, etc.
Unha vez rematados os estudos en Fingoi, volvemos a coincidir en Santiago de Compostela a súa irmá Macali, ela (xa casada con Humberto) e mais eu, porque as tres estudamos Filosofía e Letras. En Santiago deunos clase don Ricardo, que en 1965 marchara de Fingoi para ser o primeiro profesor de Lingua e Literatura Galega.
Unha vez finalizados os nosos estudos en Santiago no curso 1970-1971 eu fíxenme cargo da dirección do Colexio Fingoi en setembro de 1971 por petición do meu pai, Antonio Fernández, fundador do centro, dous meses antes de que el falecese, e de novo fomos coincidir en Fingoi. Neste caso a nosa relación ampliábase, ao pertencer á comunidade escolar como proxenitores tanto Macali coma ela e Humberto, por ter matriculados aos seus tres fillos (Cristina, Álvaro e Gustavo) no colexio. Lilí era unha nai moi colaboradora e implicada totalmente no proxecto do centro, tanto nas reunións de familias, participando a través da ANPA, traendo obras de teatro das compañías máis destacadas desa época (como, por exemplo, Kukas), ás que asistía practicamente todo o colexio.
Dende Fingoi tamén colaboramos con ela e coa Escola de Maxisterio, onde daba clases como catedrática de Lingua Galega, porque aconsellaba e animaba aos alumnos de Maxisterio a que viñesen facer as prácticas ao colexio, para coñecer a “marabillosa experiencia” educativa, anovadora e diferente, que viñamos levando a cabo dende os anos 50. Precisamente utilizaba nas clases un dos libros publicados por Galaxia, “Os contos populares da provincia de Lugo”, no que Carvalho Calero e Bernardino Graña (que obtivera unha bolsa de investigación do Centro de Estudos Fingoi para traballos sobre a nosa cultura, contos de tradición oral e etnografía galega) fixeron a selección dos contos que os mestres dos Cursiños Agropecuarios da Escola de Barreiros recollían a través dos seus alumnos das escolas da provincia de Lugo.
Na cociña do colexio, nunha das celebracións de Primeiras Comuñóns. Detrás: Dina Bohorque, Mª José Pardo-Gil, Siña e Srta. Morocha. Diante, Lilí e Mari Loli Fernández
Como era Lilí? Era unha persoa que tanto de nena como de adulta sempre destacou pola súa enerxía, moi inquieta e divertida, alegre e moi extravertida. Era una gran compañeira.
Pasabámolo moi ben cando, de estudantes, dado que no colexio imperaba a educación integral e a preparación para a vida como un dos grandes principios fundacionais, coincidiamos nas festas do colexio, onde bailábamos con Chicha, e facíamos obras de teatro con don Ricardo. Participabamos nas interesantísimas viaxes de estudo coas que cada ano íamos recorrendo Galicia e España. Tamén coincidiamos cando íamos dende o colexio mercar os queixos e outros produtos á Praza de Abastos aplicando os coñecementos de matemáticas, nos xogos no patio, cando despois de comer cantábamos no Coro con Morocha ou cando participabamos en serias competicións de ping-pong… Estabamos xuntas moitísimo tempo, e iso fortaleceu a nosa amizade.
Camolas e Lilí vestidas para a obra "Kantán"
Nos anos nos que ela estivo estudando en Fingoi era don Ricardo Carvalho Calero o director. Isto é importante salientalo, xa que Lilí foi unha das súas alumnas predilectas. Foi unha admiración mutua, e constante relación intelectual entre os dous, ata que don Ricardo faleceu en 1990.
Lilí, como escritora, docente e investigadora, será estudada e formará parte das figuras da literatura galega contemporánea ás que farán referencia os investigadores, compañeiros e alumnos que tiveron a sorte de recibir as súas clases. Eu quero incidir nas súas dotes como actriz e os traballos marabillosos que fixo sobre o Teatro en Fingoi. Obras que don Ricardo Carvalho dirixía, e nalgunhas ocasións mesmo as escribía el, como “A farsa das zocas”, entre outras. O teatro foi unha ferramenta educativa moi importante desde os inicios do Colexio Fingoi. Un elemento de cohesión e tamén de potenciación das facultades artísticas dos alumnos, así como un método activo de traballo das linguas e das capacidades de dicción e oratoria dos alumnos e alumnas. Nestas obras de teatro todos actuabamos, e creo que non hai ningún alumno de Fingoi que se esqueza deses momentos tan deliciosos que pasábamos nos ensaios.
Teño moi presente a imaxe de Lilí porque coincidimos moito no colexio no primeiro trimestre do curso 2019-20 con motivo da Homenaxe a Carvalho Calero polas Letras Galegas de 2020... Daquela retomamos conversas, recuperamos lembranzas e vivencias en común, e mesmo fixemos proxectos de colaboracións que infelizmente non puideron realizarse.
Lilí deixa un gran baleiro, difícil de encher, pola súa grande vitalidade, a entrega á súa familia, ao seu compañeiro Humberto, aos fillos, netos... Sempre falaba deles e das súas visitas a Bastiagueiro. Unha muller vital e necesaria, con moito talento e gran corazón.
Festa de Nadal en Fingoi. Gaiteiros: Marcos Fernández Puentes, Fernando López-Acuña e Manolo Sández. Lilí, de frente, é a primeira á dereita