Ferreiro, Manuel

Araceli, “sobre fondo gris na cidade murada”

Encabezo esta breve lembranza utilizando unha parte do título do derradeiro -e póstumo- traballo de Araceli Herrero Figueroa (“Anos lugueses e tempos de Fingoi. Ricardo Carvalho Calero, profesor e filólogo, sobre fondo gris na cidade murada”) publicado nun volume de homenaxe á figura de Don Ricardo. Organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, este libro saíu do prelo xustamente nos primeiros días de xuño de 2020, e Araceli, obviamente, non chegou a ler e corrixir as probas do seu artigo nin ter o tomo nas súas mans. Síntome moi honrado por ter colaborado nel, non só por me permitir achegar un contributo ao estudo da figura do insigne galego, mais tamén por neste conxunto de estudos conviviren as páxinas por min escritas coas que Araceli redixiu -as derradeiras- para glosa e recoñecemento do que foi o seu (noso) profesor e mestre. Como derradeiras son -agora as volvo ver- as imaxes de Araceli no documental “De Carballo a Carvalho”, gravado no Parlamento, a falar do mestre e conselleiro e amigo, como discípula dilecta súa que foi en Fingoi, primeiro, e na Universidade, despois.

Coñecín a Araceli no mes de outubro do xa lonxincuo 1978. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago en xuño dese ano, cheguei a Lugo para substituíla como profesor de Lingua Galega no 3º curso de Filoloxía Hispánica, no antigo Colexio Universitario, adscrito daquela á única universidade galega existente, a Universidade de Santiago de Compostela.

Eran tempos en que comezaba a estenderse aos poucos a docencia da nosa lingua e literatura, e a necesaria diversificación de funcións, xunto coa acumulación de horas que supoñía a docencia en dous centros diferentes, fixo que Araceli, profesora a un tempo no Colexio Universitario e mais na Escola de Maxisterio, tivese de renunciar a un dos postos para concentrar enteiramente a dedicación docente nun único centro.

Perante a súa opción pola (antiga) Escola de Maxisterio, a Cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago, ocupada por Don Ricardo Carvalho Calero, recomendou ás autoridades do Colexio Universitario a miña contratación como profesor de Lingua Galega. Chegado, pois, a Lugo, por consello de Don Ricardo estabelecín decontado contacto con Araceli. Desde o primeiro momento, quer polo obxecto de traballo, quer por comúns intereses e dedicación profesional, estabelecemos unha conexión persoal que axiña se tornou amizade leal que se mantivo toda a vida e que, na altura, acompañou os meus primeiros anos de traballo na cidade de Lugo.

Ferreiro, Manuel

Araceli e Ferreiro, unidos por don Ricardo e polo idioma

En longas conversas na súa casa, a min, que era ben novo na altura, abriume os ollos sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero. Despois de tres cursos académicos e de diversas materias, e aínda cos normais contactos entre catedrático e alumno, primeiro, e profesor novo, despois, a natural discreción de Don Ricardo facía que ningún dos seus estudantes ou discípulos tivese verdadeira consciencia de súa grandeza intelectual, creadora ou, mesmo, política. Esa lacuna foi cuberta por Araceli, que falaba de Carvalho Calero, dos seus anos como profesor no Colexio Fingoi e das actividades que conlevaba esa función, da guerra e posterior desterro interior de Don Ricardo, da elaboración e presentación en 1977 da súa tese de doutoramento sobre Luís Pimentel por el dirixida, e que produciu os seus mellores froitos investigadores con iluminadoras monografías sobre o médico-poeta lugués... Ao longo destas conversas acabei coñecendo a súa directa familia -home e fillos, daquela aínda pequenos-, e así coñeceu tamén Araceli parte da miña; e así nos puido acompañar, con Humberto, nun momento tan significativo como a celebración de casamento.

Certo é que, despois dos meus tres anos lugueses (de outubro de 1978 a setembro de 1981), tiven de deixar a cidade “murada” para iniciar un novo (e tamén transitorio) camiño profesional como catedrático de lingua e literatura galega nun Instituto de Bacharelato na cidade da Coruña.

Non obstante, tamén é verdade que a partir deses primeiros anos de relación intensa, eran moitos os factores que nos afastaban e dificultaban o contacto directo: Araceli en Lugo, eu na Coruña; traballo no eido da literatura por parte dela, dedicación aos estudos lingüísticos pola miña parte; profesora da Universidade de Santiago de Compostela, profesor (desde 1990) na Universidade da Coruña... En calquera caso, sen termos unha relación cotiá como nos anos lugueses, seguiámonos encontrando nalgúns eventos (en Lugo ou noutros puntos, habitualmente Coruña ou Santiago), ou, mesmo, nos últimos anos, máis veces na Coruña, a onde Araceli viña con certa frecuencia por razóns de tipo familiar; entre outras, nova casualidade, polo feito de a súa filla ser tamén profesora na Universidade da Coruña.

Ferreiro, Manuel

A familia Ferreiro (Manuel Ferreiro, Carme García Pereiro e os seus fillos) na casa de Araceli

En calquera caso, sempre, en todo momento e en todas as circunstancias, por riba de todo (do tempo e do espazo, da posición e da función), a nosa amizade sempre se caracterizou por unha cordialidade extrema, que convertía calquera encontro nun acontecemento.

En maio de 2020 era eu sabedor de que Araceli loitaba contra o coronavirus, e aínda a luz da esperanza estaba acesa, mesmo sendo consciente da punxente gravidade da doenza. Mais cando no día 10 de xuño do pasado ano, por e-mail do común amigo Martiño Montero Santalla, recibín a noticia da súa morte, fiquei estantío... Agora que cesou o rebulicio da morte e achegou o seu silencio a soedade, Araceli está en nós. Será mellor darlle a palabra a Pimentel:

        Onde se tiña ocultado
        o seu medo?
        En todo aquelo
        onde tiña apousado
            a súa ollada derradeira?
        .............................
        Eu agardaba algo
            que nos amostrase a soedade.
        Entón poderíamos decir:
            ela está entre nós.
        Pero o rebulicio da morte
            enchía a alcoba.
        (A morte aínda
            non tiña o seu silencio).
        Eu pensaba: quizais mañá,
        cando xa non estea eiquí,
            volverá a inefable soedade.
        Poderalle andar darredor
        ó seu leito baleiro.
        E poderemos arredar
            o seu silencio,
        pra deixalas estar
            entre nós.

Cordial, educada, prudente, retranqueira, sorridente, xenerosa..., todos estes -e outros- adxectivos (que ordeno alfabeticamente e que podería multiplicar) definen a Araceli Herrrero Figueroa, para sempre na miña lembranza.