O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Lilí: “In Memoriam”
“Mentres a auga corra e florezan as altas árbores, permanecerei aquí, sobre a súa tumba bañada de bágoas, e anunciareilles aos camiñantes que neste lugar está enterrada”
Epitafio - Tracia, século II a. C.
Agradezo a ocasión que se me ofrece para escribir unhas breves liñas en recordo da miña curmá Araceli Herrero Figueroa, Lilí familiarmente, co motivo de facer o primeiro aniversario do seu fatídico, inesperado e inmerecido falecemento en xuño de 2020 como unha das primeiras vítimas mortais que un novo virus, cuxo nome non merece constar neste escrito, veu producindo cal xinete apocalíptico por todo o mundo ao longo de todo ese ano, e continúa no actual sen que chegue a albiscarse no horizonte temporal cando a humanidade, con todo o seu inmenso capital científico e tecnolóxico, será capaz de gañarlle a batalla.
E fágoo, seino, cargado de sentimento e de agarimo pero tamén de obxectividade e, sobre todo, convencido de que a miña achega cumpre modestamente co deber cívico que as sociedades teñen de honrar os seus cidadáns preclaros para o seu recordo e como exemplo para que estas e as futuras xeracións se beneficien dos seus valores e virtudes que, sen dúbida, satisfán e enaltecen aos seus portadores pero, o máis importante, contribúen tamén beneficamente á sociedade á que, a través dos seus feitos, serven. Os nosos próceres cumpren así coa dobre natureza da persoa humana, individualidade e sociabilidade, conceptos que, lonxe de contrapoñerse, se complementan e se necesitan mutua e reciprocamente. Lilí cumpriu con esa dobre faceta da natureza humana, pois á vez que enriquece a súa individualidade na súa incesante procura polo coñecemento, serve á sociedade na súa profesión de investigar e trasladar ese coñecemento na máis nobre e bela das accións sociais como é o ensino, no seu caso na Academia, na comunidade universitaria.
Son moitos os valores e virtudes que Lilí foi acumulando e exercitando durante a súa longa e, pola súa vez, curta vida. Dotada dunha forte e innata determinación para conseguir os seus obxectivos sen regatear esforzos, un inesgotable interese por saber e unha gran sensibilidade pola cultura e a lingua, especialmente de Galicia, soubo aproveitar o contexto vital no que lle tocou vivir e desenvolver a súa personalidade. O ambiente familiar, a sociedade, a cidade, os seus estudos, a lectura, os profesores, os amigos, o seu marido, fillos e netos, todo iso vai constituíndo, cada un no seu momento histórico, unha argamasa sobre a que se vai construíndo unha fortaleza sólida desde a que Lilí proxecta agarimo, amizade, alegría, responsabilidade e coñecemento. E faino desde as súas firmes conviccións, ás que chegou a través dunha permanente atención por canto sucede ao seu redor así como de esforzados estudos; e sempre con humildade e sumo respecto, escoitando con atención a opinión dos demais, o que vai xerando unha simpatía e unha vis atractiva cara á súa persoa en todo o universo no que se relaciona. Ver a Lilí era ver a alegría e o natural acollemento, a súa irresistible determinación, a súa gran capacidade analítica e a súa actitude positiva e inmediata ante calquera problema. O seu clarísimo convencemento de que todo, ou case todo, se pode conseguir se lle dedicamos o necesario esforzo. Polo menos debe ser intentado.
En efecto, Lilí foi unha muller do seu tempo, dun tempo no que se produce na sociedade española un punto de inflexión no papel da muller na sociedade. Os seus pais infundíranlle que a independencia da muller só podía vir da súa incorporación ao mundo do traballo e esta incorporación para que fose efectiva había de ser precisamente polos estudos universitarios. Imbuída desta determinación, Lilí non regatea esforzos para estudar e formarse culturalmente aproveitando todas as oportunidades que a vida lle proporciona; e faino desde os seus primeiros contactos da súa nenez cos estudos na famosa escola de dona Carmiña; despois no Colexio Fingoi e o Instituto de Ensino Medio de Lugo, onde cursa o Bacharelato e o Preuniversitario, respectivamente; na Universidade de Santiago de Compostela coa súa dobre licenciatura, Filoloxía Hispánica: Español e Galego-Portugués; o doutoramento en Filoloxía Románica; a superación das oposicións á Cátedra de Didáctica da Lingua e Literatura Españolas; as súas investigacións, as súas publicacións, a súa docencia, as súas conferencias, a súa participación en faladoiros literarios, xa desde moi nova, e en clubs de lectura. Lilí exerce así co seu exemplo e desde os seus primeiros contactos coa sociedade un permanente feminismo efectivo e afectivo.
Pero non se podería entender ben a personalidade de Lilí se non a relacionamos estreitamente co universo literario de personaxes tan significativos nas nosas letras como Ricardo Carvalho Calero, Luís Pimentel, Emilia Pardo Bazán ou Álvaro Cunqueiro, entre outros, aos que estudou con profundidade. Todos eles influíron de forma significativa na súa formación, pero é Carvalho Calero, a quen tivo de profesor no Colexio Fingoi, o obradoiro da súa formación, o que orienta a Lilí no gusto polo estudo da lingua e a cultura galegas. Sen ningunha dúbida, don Ricardo decatouse moi pronto do potencial que había en Lilí, a intelixencia, a sensibilidade, a vontade e un especial saber facer; e contribuíu de forma significativa ao seu desenvolvemento, primeiro como profesor e máis tarde como compañeiro, a través dunha grande amizade. Pero serán outros mellor formados ca min os que farán unha valoración da acción docente e da obra literaria de Lilí ao longo da súa vida. Eu centreime en tratar de describir brevemente como se foi formando a súa personalidade para así comprender mellor a súa obra.
O traballo, a honestidade intelectual e o respecto aos valores cívicos foron a forma de sentir e de vivir a vida de Lilí, e estaba moi satisfeita, sempre o dicía, polo moito que a vida lle proporcionara. Unha forma sen dúbida moi esforzada, que esixe moita dedicación, moitas renuncias, pero proporciona grandes satisfaccións e contribúe ao desenvolvemento e enriquecemento cultural da nosa sociedade. Por iso a súa vida é exemplarizante, e por iso habemos de honrala dándolle publicidade. Os seus pais, os seus tíos e o seu tío avó, Salvador Mosteiro Pena, fundador das Irmandades da Fala, estarán moi orgullosos dela, como o estamos todos nós.
Descanse en paz.