O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Lilí
Se me pedisen unha definición da miña irmá Araceli, Lilí, diría que principalmente foi unha decidida “muller de acción”, entregada tenazmente ao seu traballo, e que se crecía ante calquera dificultade que se lle presentase. A esa capacidade habería que engadir a súa intelixencia creativa, unha extraordinaria memoria e unha admirable capacidade resolutiva.
O seu interese pola literatura fraguou xa nos primeiros anos de lecturas e recreacións de narracións infantís. Eran tempos en que, antes de durmirmos, a modo dunha Sherezade nena, narrábanos emocionantes aventuras, que amplificaba e continuaba case ate o infinito. E proxectábase e mergullábase de tal xeito nelas que, se dunha secuencia de perigo trataba, ela mesma conxuraba o seu propio temor repetindo coa voz estremecida que non desacougásemos, que nada era verdade, que todo era unha invención; mais, con todo, non podía evitar que os seus inmensos ollos envolvesen de inquedanza expectante o noso dormitorio.
Máis tarde, de adolescente, reservou a súa imaxinación literaria para a escritura de poemas e outros escritos que recollía nun diario gardado celosamente. E salvaba os seus pensamentos da curiosidade das súas irmás cifrando algunhas palabras con misteriosas transcricións en grego e signos taquigráficos. Anos despois, cando marchou estudar á Universidade de Santiago, coma substituto da súa compañía, ofreceume a lectura dese diario coas súas claves; e daquela foi cando descubrín na miña irmá unha faceta poética, fortemente sentimental, que exteriormente sempre contivera e que procurou moderar pudorosamente durante toda a súa vida.
Aquel diario confirmaba o potencial poético co que gañara os Minervais de poesía aos dezaseis anos, e co que lograría, no seu primeiro curso na Universidade, o primeiro premio dos Xogos Florais.
E desde esa base de creatividade literaria conduciu a súa vocación profesional cara ao estudo e o ensino da literatura na universidade compostelá.
Tras os cursos comúns, ao casar e domiciliar de novo en Lugo, logrou compatibilizar os seus estudos universitarios coas responsabilidades familiares que derivaron do seu matrimonio. Para se examinar, acudía a Santiago, a golpe de Freire ás sete da mañá, compaxinando labores domésticos, embarazos e crianza de tres fillos, co estudo exitoso de dúas especialidades filolóxicas, e a realización dunha tesina e unha tese, con resultado de “sobresaliente cum laude”. Da calidade destes traballos dá conta o feito de que a moi boa edición da tese sobre Pimentel xa hai tempo que está esgotada.
A partires da finalización da súa carreira o interese dos seus escritos centrouse na orientación investigadora, con rigorosos estudos lingüístico-literarios ligados sempre ao alto grao de profundidade que se esixía a si mesma. Como docente universitaria afirmaba: “formamos universitarios, e non animadores socioculturais [...] O noso obxectivo é esa tan discutida ‘competéncia literaria’ ou, se se prefere, a competéncia interpretativa”.
Pódese dicir que polo proxecto docente e investigador sacrificou a obra creativa. Hoxe soamente sabemos dalgunhas das narracións que ocasionalmente fixo públicas, como son dúas narracións asinadas co pseudónimo de Zivegna d’Ascoli e un monólogo que o noso admirado profesor Carvalho lle encargou e publicou en Agália baixo o pseudónimo de Jorge Sande.
Adicou, pois, a súa escritura case exclusivamente á súa responsabilidade investigadora como profesora universitaria. Deste labor dan conta non só a súa tesina e a súa magnífica tese doutoral sobre Luis Pimentel, senón tamén as publicacións constantes sobre escritores ou investigadores tan nosos como Carvalho, Pardo Bazán, Rodríguez López, Cotarelo, Cunqueiro...
Con estes estudos, ademais de honrar a eses admirados escritores e aos críticos literarios aludidos (Genette, D. Villanueva, C. Reis, C. Bobes, R. Carvalho, Pavis, Forradellas...), perseguiu indubidablemente non só a antedita formación universitaria dos seus alumnos, senón tamén o enriquecemento, dignificación e solvencia da nosa lingua para a investigación de alto nivel. Eis a incorporación e aplicación nas súas análises de termos e tecnicismos adquiridos en virtude dunha investigación especializada moi esixente.
Sempre reivindicou a súa dedicación investigadora como unha necesidade vital que esixía o dereito “virxiniano” a unha “habitación propia”, tanto no sentido físico como simbólico. E, con perseverante traballo, logrou a moi merecida cátedra, de cuxo excelente exame fun testemuña. Durante o exercicio da súa responsabilidade docente evidenciou sempre un traballo tenaz e disciplinado no que, nalgún momento de encrucillada especialmente difícil e doloroso, houbo de flexibiIizar ou conciliar posicións para adaptarse a imperativas esixencias profesionais. Mesmo entón, soubo defender e preservar o seu propio criterio, e afirmar a súa radical necesidade de independencia.
Xa xubilada, nestes últimos anos, mantivo a súa actividade intelectual asistindo a materias do cuarto ciclo e colaborando con importantes asociacións culturais (Lugo Patrimonio, Instituto de Estudos Ulloáns...), así comocon talleres de lectura (principalmente, o de Farizo Correa). E, por suposto, na procura de novas investigacións, continuou mergullándose nos arquivos, para o que moitas veces precisaba usar máscara.
E agora o seu interese centrouse naqueles temas e persoas que lle resultaban máis próximos. Elaborou novos e rigorosos escritos adicados ao noso tan admirado profesor Carvalho Calero, e recompilou máis datos, para incorporar a futuras reedicións das súas publicacións anteriores, algunhas xa esgotada. Tamén engadiu estudos sobre persoas relevantes principalmente para a nosa familia, como foi o noso tío avó Salvador Mosteiro. Así mesmo creo que un dos seus proxectos futuros era un estudo sobre o importante labor a favor da cultura e a economía de Galicia dun gran home, extremadamente discreto no seu mecenado: Antonio Fernández López, creador do noso querido Colexio Fingoi.
No terreo das relacións interpersoais destacaría a súa intelixencia emocional, a súa capacidade intuitiva e empática, así como unha enorme simpatía. Estas cualidades valéronlle tanto para ser depositaria de confianza e respecto, como para sortear calquera tipo de magoante belixerancia que puidese afectar á súa arelada boa relación con superiores, compañeiros, alumnos, amigos e familiares.
No seu ámbito familiar defendeu e inculcou acertadamente a importancia do estudo humanístico, en tempos e circunstancias sociais de desigual competencia co prestixio e a maior proxección laboral dos estudos técnicos, que todos os seus fillos e o seu marido despregaban ao seu redor
Penso que, afortunadamente, Araceli comprobou en vida o recoñecemento e agarimo de todos; e o seu labor foi recompensado con moitas satisfaccións, non só nos logros do seu traballo docente e investigador, senón tamén nos do seu afán prioritario, a súa familia. De todo iso damos conta todos os que, pola inestimable iniciativa de Xulio Xiz e o apoio da devoción filial de Gustavo, quixémola honrar con este reconfortante acto de homenaxe.