Lamas, María Xosé

Grazas, Mestra!

Curso escolar 1979-80. Na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Lugo atopámonos cunha novidade agardada dende había moitos anos por moitos e moitas de nós: a implantación do Galego como área do currículo no ensino.

Os estudantes que comezamos ese ano Maxisterio tivemos a sorte de contar con Araceli Herrero Figueroa como mestra dunha lingua aínda sen normativizar nin normalizar, tarefa non doada dende a perspectiva da docencia, mais que soubo afrontar dun xeito maxistral.

Araceli achegounos á historia da lingua galega á súa situación sociolingüística, e informounos de cantas normativas diferentes existían co fin de chegar a unha normativización, entre as que destacaban a da Real Academia Galega, a do Instituto da Lingua Galega e a Reintegracionista, da que ela era partidaria e que nos ensinou durante aquel primeiro curso, facéndonos coñecedores da pertenza a unha lingua común galego-portuguesa que hoxe coñecemos como galego universal.

Tamén nos achegou á literatura galega amosándonos autores e obras das que nunca oiramos falar. Moitos de nós coñeciamos por referencias aos precursores da nosa literatura, mais non tiñamos noticia da existencia da lírica medieval ou do Padre Feijoo; pouco ou nada sabiamos da Xeración Nós, do Rexionalismo, da literatura no exilio ou de posguerra, e moito menos da que se estaba a xerar dende entón e que constituía o corpus da literatura contemporánea: Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Manuel María… e un sen fin de autores que lemos co gusto polo descubrimento de que a nosa literatura estaba viva coma nunca.

Doutra banda, cando percibiu en algún de nós o gusto pola escrita, motivounos para continuar producindo as nosa incipientes composicións, xa narrativas ou poéticas, chegando a organizar recitais no salón de actos da Escola de Maxisterio. Así, o primeiro no que participei na miña andaina literaria celebrouse aquel mesmo curso, e del formabamos parte varios alumnos/as da Escola e outros autores foráneos (lembro entre eles a Xavier Rodríguez e a Eloi Caldeiro). Máis adiante, no ano 1983, sería tamén a organizadora doutro recital no que estiven acompañada por Bernardino Graña e ao que asistía o meu primeiro alumnado do Colexio Paradai de Lugo.

Está de máis dicir, pois, a influencia que en min supuxo ter a Araceli Herrero Figueroa como mestra naquel momento en que tanto a miña futura carreira profesional como a afección pola escrita estaban en plena formación.

Agradecemento eterno á súa persoa dende todos os aspectos e oxalá dende onde estea poida sentir o noso máis fondo aprecio.

Lamas, María Xosé

Alumnos do Colexio Paradai, en Lugo

A Araceli, in memoriam

No amencer dos signos arbitrados
para conformar a linguaxe devanceira,
estabas en presenza,
coa bagaxe de séculos de historia,
e o fin de informar e de formar páxinas brancas
-tábulas rasas con anhelo de saber
e ansia de producir verbas inéditas.
O teu legado foi a esperanza
no devir normalizado dunha lingua
que comezaba andaina propia
a través dun camiño inaugurado
naqueles oitenta de dinámica e de cambio.
Azos, apoio e apertura de sendas
polas que transitar a través dunha xungla espesa
conformada por “robles”, non carballos;
por “encinas”, non caxigos;
por “retamas” e non xestas…
foron eixes de mestría nas túas aulas,
agasallos envoltos en palabras dicidoras
para sempre gardadas na memoria.
Grazas, mestra!

Lamas, María Xosé

Recital poético en Maxisterio