O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Aló polo ano 1980
Aló polo ano 1980 un ilusionado grupo de mestras e mestres chegamos ó colexio novo que aínda se estaba a edificar no Monte das Pías do barrio da Piringalla, con todas as expectativas que esta clase de estreas significa. Organizouse o que era de organizar e despois decidiuse que cumpría poñerlle nome ó centro. Un nome que honrase ó colexio e a cantos del participabamos: alumnas, alumnos, mestras, mestres, persoal non docente, autoridades académicas, pais e nais. Houbo, naturalmente, diferentes opinións e baralláronse personaxes históricos, advocacións relixiosas, políticos en exercicio ou fóra del, sen que ningunha parecese satisfacer á maioría... Eu, convencido de que Lugo, a súa cidade, lle debía un recoñecemento que fose público e axudase a achegar ós seus veciños a obra dun dos nosos mellores poetas, propuxen o nome de Luís Pimentel. E creo que eran moi poucas as persoas das que alí estaban que soubesen ben de quen se trataba. Vinme interrogado por moitas olladas e, confeso que o levaba preparado, despois dunha moi sucinta información biográfica, recitei o “Enterro do neno probe”. Non foi preciso abondar con máis explicacións para que fose aceptada.
Despois houbo que presentar a proposta, en tempo e forma, a quen correspondía, pero non sen antes solicitar o permiso da familia do homenaxeado. O que dona Pilar Cayón, a súa viúva, e mais Rula, a filla, nos dixeron na primeira das varias visitas nas que recibiron a representantes do claustro do colexio, foi: “Lilí Herrero é quen sabe todo da obra de Luís. Falade con ela”.
Eu sabía da Araceli Herrero poeta, participante activa en eventos culturais, estudosa da literatura galega, investigadora rigorosa e mesmo convincente recitadora de poemas de seu e composicións alleas, e sabía tamén da súa condición de discípula e amiga de don Ricardo Carballo Calero, ou sexa que, como non podía ser doutra maneira, seguimos o consello das señoras e así foi como Araceli pasou a ser informadora precisa naquel momento e, a nivel persoal, referente imprescindible para canto tivese que ver co poeta de “Cunetas” e “Barco sin luces”. E tamén para moitas cousas máis.
Despois cadramos varias veces en congresos, en cursos, en publicacións e, sobre todo, en moito do que tiña que ver co Lugo noso. E sempre había moito de que falar, moito que traballar, moito que descubrir e moito tamén que agardar...
Pero vai xa para un ano que Araceli Herrero falta e fronte a ese triste baleiro a un véñenlle ó acordo os versos de Luís Pimentel para escoitar “unha canción tan lonxana e lene / como a sombra do aire sobre a herba”, e seguir crendo canda el que “a poesía é o gran milagre do mundo”.