O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
A derradeira lección sobre Carballo Calero
Un minucioso texto, titulado “Anos lugueses e de Fingoi. Ricardo Carballo Calero, profesor e filólogo, sobre o fondo gris na cidade murada”, é un dos últimos traballos de Araceli Herrero Figueroa, publicado pola Universidade de Santiago. A catedrática de Didáctica de Lingua e da Literatura tiña que ler este escrito nun acto na honra do seu profesor e titor académico, Ricardo Carballo Calero, ao que se dedicou o Día das Letras Galegas de 2020, algo que non puido facer pola sua hospitalización. A pandemia do coronavirus escureceu a celebración en memoria do seu mestre e levou tamén a unha das súas discípulas predilectas.
Fala neste estudo Araceli Herrero sobre o desempeño directivo e docente, o traballo creativo e literario e o labor investigador e filolóxico de Carballo na súa estadía lucense. Fuxe de cuestións das que, pese a ser interesantes, xa se ocupou noutras ocasións con estudos concretos sobre a lírica, a narrativa ou o teatro do autor. Non faltan alusións ao epistolario de Carballo con Ramón Piñeiro e Fernández del Riego sobre a súa etapa en Lugo. O traballo reflicte o fondo coñecemento da autora sobre o erudito ferrolán, que lle deu clases nas aulas do colexio de Fingoi e, máis tarde, na Universidade de Santiago. Carballo evitaba a disensión, con diplomacia e respecto polos estudos alleos, pero facía constar os aspectos “diverxentes”. Así llo indica a Araceli Herrero nunha misiva encabezada cun irónico “a miña onte obediente discípula e hoxe desobediente colega”.
Foi don Ricardo quen dirixiu a tese de Herrero Figueroa sobre o poeta Luís Pimentel. A futura catedrática reuniu poemas inéditos e descoñecidos do médico lucense nun libro no que tamén aparecen Lugo e o seu poeta cidadán como pano de fondo. A investigadora consideraba a Pimentel o representante lucense da xeración do 27, xunto ao músico Bal y Gay, e apuntaba que comezou a escribir en galego por influencia de Correa Calderón. Así o expresou na lección maxistral que impartiu en 2007 no Campus de Lugo con motivo da festividade de San Tomé de Aquino.
Presentación de "Luis Pimentel: obra completa", na Galería Sargadelos de Lugo: Benxamín Casal, Araceli, representante da familia Pimentel e Xesús Pérez-Quico
Outras Investigacións
Araceli Herrero tamén afondou na obra de Emilia Pardo Bazán, con interesantes reflexións sobre as súas críticas a Rosalía de Castro, e sobre o teatro do veigueño Armando Cotarelo Valledor e do mindoniense Álvaro Cunqueiro. Esta afección dramática era froito da semente da súa estancia en Fingoi, onde o teatro era un unha actividade obrigatoria, e onde fixo de actriz e ata de bailarina. Esta coñecemento levoulle a estudar a dramaturxia en galego cando non era algo habitual.
Herrero gozaba dun recoñecido prestixio. Os seus artigos en revistas especializadas e os seus relatorios en congresos eran constantes. Era unha persoa moi formada, activa e que acadou unha grande autoridade como profesora e investigadora. “Gustáballe máis escribir e documentarse que falar, pero facíao todo ben”, lembra o escritor focego Ramón Reimunde. A este talento uníase a súa sociabilidade. “Sempre contaba anécdotas curiosas, ben fiadas e sen caer nun exceso de malicia”, engade Reimunde. Para os seus amigos era Lilí, aínda que Carballo chamáballe Lilí Ann, para darlle ao diminutivo un aire do máis literario.
Esta fonda formación, propia dunha incesante lectora, comezou a agromar naquel colexio de Fingoi, convertido nun oasis do galeguismo, no que se seguían os criterios educativos progresistas, propios da Institución de Libre Ensino. Era tamén Araceli Herrero unha boa organizadora, expeditiva e con capacidade, como demostrou no seu papel de artífice do histórico congreso sobre Álvaro Cunqueiro que organizou AGAL en Mondoñedo en 1991. Bernardo Penabade, Xabier Cordal, Ramón Reimunde e ela lograron congregar na cidade, pese aos escasos medios, especialistas cunqueirianos de España e do estranxeiro, como o británico Colin Smith.
Herrero Figueroa foi unha das primeiras profesoras oficiais de Galego tralo franquismo. Por entón daba clase na antiga escola de Maxisterio, a actual facultade de Formación do Profesorado. Á súa altura intelectual pouco común uníase o afán de compartir coñecementos cos seus colegas de Universidade, especialmente cos investigadores que comezaban. Vencellada desde a primeira hora á Associaçom Galega da Língua (AGAL), esta investigadora lucense, como o seu mestre Carballo Calero, era unha defensora do reintegracionismo. Pode que este posicionamento a convértese nunha vítima do sectarismo e lle impedise acceder á Real Academia Galega. Na última etapa da súa vida, optou polo uso do galego oficial, se cadra para ter menos dificultade á hora de publicar. Nel está escrito ese concienzudo estudo dedicado a Carballo, que, por desgraza, constitúe un derradeiro tributo ao seu mestre.
Artigo publicado en El Progreso o 7 de xullo de 2020