O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Lilí Herrero
Paradoxos da vida: escribo estas breves palabras glosando os meus recordos de Lilí mentres agardo na cola para ser vacinado da COVID-19, e non podo deixar de pensar no inxusto que é o destino, que a levou tan pronto, tan sen avisar, saltándose a quenda natural.
Coñecina no ano 57 ó quizais no 58, cando ingresou no Colexio Fingoi para efectuar os seus estudos de Bacharelato. Teriamos ao redor dos 10 anos de idade e recordo a unha nena alegre, falangueira, espontánea, quizais un pouco traste -segundo as súas propias palabras-, á que os seus pais enviaran a un colexio no que só excepcionalmente se entraba, se non era xa desde párvulos, co fin de adaptarse desde o principio a un sistema de estudos cando menos peculiar.
Integrouse moi rapidamente nun grupo que iniciaba un período tan importante da súa vida como era encarar o final da infancia e o espertar á adolescencia. Aos poucos o grupo quedou reducido a un curso formado por catro alumnos: tres mulleres e eu como único home. Elas eran como irmás que me acompañaron nese difícil período da adolescencia e a aprendizaxe de todo o que ían ser os cimentos da nosa educación.
Lilí era claramente de letras, e nese campo pronto comezou a destacar xa no colexio, facendo que o director, don Ricardo Carballo Calero, se fixase na que logo ía ser unha das súas alumnas destacadas como filóloga, docente e escritora galega.
Aqueles anos de Bacharelato fixeron que entre todos nós xurdise un vínculo moi estreito, froito de innumerables horas de estudo, recreos e excursións por toda Galicia e o resto de España, preparación de obras de teatro ás que don Ricardo era moi afeccionado, e miles de situacións que supoño deixaron unha pegada indeleble.
A nosa relación continuou ao longo dos anos, e cando os nosos fillos respectivos se coñeceron e estudaron xuntos no mesmo Colexio Fingoi, a nosa devoción a este Centro fíxonos que participásemos xuntos en decenas de accións dentro da Asociación de Pais, apoiando mil iniciativas e dando charlas de apoio ou orientación aos novos alumnos.
Así foi a última vez que vin a Lilí: o Colexio, unha vez máis, pediunos que participásemos nunhas gravacións para un programa de televisión en homenaxe a don Ricardo Carballo con motivo do Día das Letras Galegas 2020 que se celebrou na súa honra, e alí rimos e charlamos xuntos co resto de compañeiros que nos acompañaban, lonxe de saber que pouco despois caería enferma.
A morte sempre é dura e inoportuna. Lilí marchou antes de tempo, aínda que supoño que a xente á que queremos sempre o fai. Pero cando unha persoa da túa idade marcha, serve de aldrabada para lembrarche que estamos aquí de paso e que, como ela sempre fixo, hai que espremer cada momento da nosa vida