Silvosa Costas, Francisco José

Sit tibi terra levis

Comunícaseme que habería que facerlle unha homenaxe a Araceli Herrero Figueroa pola súa traxectoria vital e para a súa lembranza, por mor do maldito COVID-19 ou coronavirus, que nos privou prematuramente da súa presencia.

Vou iniciar a escritura como fixo Lope de Vega y Carpio (1562-1635) cando di: “Un soneto me manda hacer Violante”. E sen pretender, por suposto, plaxiar ao “Fénix de los Ingenios”.

A min fáiseme moi dificultoso e difícil dispoñer unas verbas polo suceso ou acontecemento tristeiro.

Coñecín a Araceli (Lilí) moi novo, levábamonos dous anos máis ou menos.

O ter nado os dous no miolo de Lugo, ela na rúa de Conde Pallares, eu na Praza do Campo... O ter coñecido os seus país pola proximidade cos meus… O ser coidados dende nenos polo pai médico-dentista, co cal anos despois, cheguei a ter unhas moi fáciles e boas relacións, nas que coincidían a súa bonanza xunto coa miña ansia de aprender.

Estas proximidades tamén nos facían coincidir a través de xogos, no fondo da Praza Maior, onde rodeados dos “negrillos” tíñamos e facíamos xogos que, se ben se podía dicir simultáneos, non eran coincidentes.

As nosas vidas, a miña e a de Araceli, rompen coa chegada da adolescencia, e aínda que esa rotura non foi brusca, tampouco foi en paralelo, é dicir, coincidente.

E pasou o tempo, vinte anos despois, máis ou menos, encontrámonos de novo… Un tempo curto nesa etapa da vida que leva consigo cambios e que se fan moi longos polas vivencias individuais e colectivas, atopándonos na tarefa común da Educación, adicados á formación de mestres na Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Ensino Xeral Básico en Lugo.

Ao volver a vernos semellaba que non pasara o tempo de adolescencia e de estudios, sendo esta etapa en distintas Facultades e en distinta Universidade. Volvendo a coincidir en Lugo…”no noso Lugo”.

O encontro foi tremendamente positivo.

Por moitas causas e cousas o reencontro persoal é na Formación do Profesorado, asi como nos distintos pasos que se deron para posterior formación de mestres, xa na Escola de Maxisterio.

Silvosa Costas, Francisco José

Julia Estévez Mengotti, Paco Silvosa e Araceli

Facendo traballos comúns co alumnado, que nos xuntou nunha cooperación de traballo, ela corrixindo e mellorando o idioma Galego, para levar adiante co Grupo de Teatro do Campus de Lugo “O Tarabelo” postas en escena por toda a provincia, coa axuda do tamén inesquecible Padre Xesús Mato.

Posteriormente volveume botar unha man co Grupo de Teatro de Maxisterio (G.T.M.). O seu labor era a través do estudo teórico e práctico da Escenografía Teatral e mesmo da dicción do Galego, con obras sinxelas formuladas nas aulas polo alumnado universitario, a fin de levalo a cabo na materia de Prácticas nos Colexios de Educación Infantil e Primaria. Esta tarefa desenvolvíase conxuntamente nas súas clases de Lingua Galega, e nas clases de Educación Física de acordo coa Profesora Julia Estévez. Coñecementos que utilizábamos para a mellora da expresión corporal e a dicción para a interpretación teatral.

Quedan moitas cousas por dicir pero quero significar que, unha vez que chegou a xubilación, seguín a ter esa amizade dos longos anos de coñecemento mutuo.

Unha ou dúas veces o mes xantábamos xunto con Humberto, o seu compañeiro de toda a vida. Ese día era para nós, posto que adoitabamos rematar o xantar entrada a noite.

Falábamos de todo: do pasado, do presente, de hoxe e do futuro… Futuro que quedou rompido pola “sinrazón” citada ao principio: o COVID-19, o maldito coronavirus.

O día cinco de marzo do 2020 funa buscar á súa casa para xantar xunto cos compañeiros da Facultade. Ese día confírmame que tiña cita para facerse unha cirurxía relativamente fácil, e así foi. Pero pouco despois chámame: O virus “picouna” no post-operatorio, e a partir de aí, acabouse…

Pero queda comigo e con todos nós esta gran muller, inesquecible na nosa vida e inesquecible como compañeira de traballo.

A sua amizade será sempre una lembranza viva. “Inmorrente”, que diría don Ramón Otero Pedrayo. Vai un ano e sigo a tela presente.

Emporiso: Lilí, Araceli, Profesora Herrero Figueroa: “Sit tibi terra levis”. Amiga para sempre.