Vázquez Herrero, Cristina

A miña nai e a educación

Son filla de Lilí e Humberto, a maior dos meus irmáns. Como o meu pai e os meus irmáns Álvaro e Gustavo, son enxeñeira de camiños e, como a miña nai, profesora de universidade e investigadora. Así mesmo, como o meu avó paterno e tantos galegos, son emigrante, primeiro en México e agora en Estados Unidos, onde deseño pontes en Nova York, e onde impartín clases na Universidade de Princeton. Un dos últimos libros que me regalou a miña nai, que lin con avidez e comentamos, é “Galicia. Unha nación entre dous mundos”, do profesor Ramón Villares.

Os meus pais sempre compartiron a súa visión da educación dos fillos, integrados en familia cos nosos avós e tíos, profesores e enxeñeiros. Na nosa familia aprendemos a arte da conversación e gozamos da extraordinaria habilidade da miña nai e as miñas tías Clorinda e Macali, herdada á súa vez da súa nai, para contar historias. A miña nai era unha excepcional narradora, grazas á súa memoria prodixiosa e a un coñecemento rigoroso e profundo da historia, a cultura e a sociedade galegas.

Os meus irmáns e eu tivemos a fortuna de que os nosos pais nos escolarizasen no Colexio Fingoi, igual que miña nai na súa nenez. Alí a formación do pensamento crítico e o diálogo, en contraposición á memorización de contidos, son o eixo. No Colexio Fingoi, cos nosos profesores e compañeiros, na nosa familia e visitando aos amigos dos meus pais, os nosos curmáns e nós gozamos dun ambiente cultural estimulante caracterizado pola liberdade de expresión: todas as nosas preguntas recibían resposta.

Ademais, a nosa nai integrounos desde nenos no ambiente cultural e universitario do Lugo e do Santiago dos anos setenta e oitenta, nos albores da democracia e ante o inminente ingreso na Unión Europea. Desde pequenos os nosos pais levábannos a presentacións de libros, clases de baile galego, festas e romarías, celebracións folclóricas, viaxes a Portugal e ao estranxeiro, clases de idiomas e estancias de inmersión lingüística en Inglaterra, Francia e Alemaña.

Cando eramos nenos, a miña nai adoitaba convidar á nosa casa en Lugo, a tomar café, aos seus compañeiros da Universidade de Santiago, cos que debatía apaixonadamente sobre temas lingüísticos. A miúdo tamén chamaban por teléfono ou viñan a casa alumnos da miña nai de Maxisterio. Moitos sábados a miña nai convidaba a comer á casa a don Ricardo Carvalho Calero, a quen chamaba don Ricardo e tratabamos de vostede. Eran comidas formais e filosóficas, nas que os meus irmáns e eu tiñamos que comer ao mesmo ritmo que don Ricardo, que falaba parsimoniosamente, un duro exercicio de disciplina (a miúdo errado).

Vázquez Herrero, Cristina

Como lectora voraz, eu tiña unha relación privilexiada con don Ricardo e coa miña nai: don Ricardo e a miña nai recomendábanme libros (Valle Inclán, a Pardo Bazán, Vargas Llosa, García Márquez, Tolkien, Stendhal...), que eu devoraba, e máis tarde debatiamos. Creo que os meus pais e don Ricardo compartían unha visión do galeguismo de proxección internacional, porque fomentaron a nosa curiosidade por outras linguas e culturas a través desas comidas. Recordo a don Ricardo recitar poemas en alemán, idioma ao que se iniciou compartindo cela; ao meu pai falar das súas viaxes profesionais a Inglaterra, Escandinavia, Islandia, Alemaña e á antiga Iugoslavia; lembro conversacións entre os meus pais e don Ricardo sobre conceptos que eu aínda non comprendía como reintegracionismo, normalización, normativización, semiótica, diglosia...

Durante os nosos absorbentes estudos universitarios de enxeñería, a miña nai lembrábanos aos meus irmáns e a min que había que continuar lendo para non circunscribirnos só a profesionais especializados. Sendo eu xa profesora na Universidade da Coruña, a miúdo queixábame da dificultade de compaxinar a docencia e a tese doutoral. A miña nai, que era moi afectuosa e esixente, e finalizara a súa tese doutoral con tres nenos pequenos, lanzábame unha mirada penetrante: “Mira, filla, é moi sinxelo. Só tes que levantarte ás cinco da mañá e poñerte a iso”.

Desde sempre os meus pais viñeron todas as fins de semana á Coruña, onde viviamos, e tiveron un papel determinante na educación dos meus tres fillos e os seus curmáns. Estes últimos anos, xa expatriados o meu marido, Javier, os nosos fillos e eu en Estados Unidos, a miña nai fíxose cargo dos meus tres fillos durante os veráns: unha gran responsabilidade e unha ardua tarefa. A visión humanista e pragmática da educación dos meus pais, centrada no hábito de traballo, a lectura crítica e o diálogo, integrados na nosa cultura galega, é o mellor legado que os meus fillos puideron recibir.

A miña nai puido ver ao seu neto maior, o noso fillo Ignacio, comezar os seus estudos en na Universidade Case Western Reserve; á miña nai encantaríalle saber que á miña filla Eugenia recrutouna a Universidade de Stanford, e que representará a España no equipo de remo; e que Adela, con tan só quince anos, recibiu un Premio en Mercer County pola súa excepcional habilidade e traballo de voluntariado en plena pandemia, coidando e adestrando cabalos de competición.

Grazas á miña nai, grazas ao traballo e á visión compartida dos meus pais Lilí e Humberto, os meus fillos son unha ponte entre Estados Unidos e Galicia, unha nación entre dous mundos.

Vázquez Herrero, Cristina

Araceli con Cristina