O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
17 de maio de 2021: Día das Letras Galegas
Hoxe, precisamente, sen menoscabo da merecida homenaxe desta data a Xela Arias, quero facer unha sentida lembranza da miña cuñada Araceli Herrero Figueroa.
Hai un ano, exactamente, adicábase o día das Letras Galegas a Ricardo Carballo Calero, e unha das primeiras reflexións que fixen ó erguerme foi sobre a facilidade con que se torcen os camiños da vida. Ese día, que había de ser grande na vida de Araceli, e polo que tanto tiña traballado, ela non podía estar presente.
No día do seu grande recoñecemento en Galicia non lembrei ó escritor e erudito galego, senón ao “don Ricardo” educador, profesor e impulsor da viaxe de Araceli polos diferentes eidos da Cultura Galega.
Lembreime tamén da sua muller e da sua filla, ás que Araceli, xa casada, non deixaba de visitar cando viña a Santiago a examinarse dos últimos cursos de Filosofía y Letras.
Ese 17 de maio de 2020 pensei sobre todo en Araceli, e lamentei profundamente que ela no lle puidese adicar ese recordo agradecido a quen lle abriu as portas ás súas dúas paixóns: a Literatura e os autores galegos contemporáneos, e a docencia.
A chegada de Araceli á familia
A primeira referencia que teño sobre Araceli ten que ver cos III Xogos Florais Minerva en Lingua Galega que ela gaña en 1965.
O meu irmán Humberto ía acompañar a Araceli na festa de gala que, con motivo de ese premio, tería lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago. Nese acontecemento tamén estarían os seus pais, Cipriano Herrero e Maruja Figueroa. Naquelas datas a asistencia de acompañantes en presencia dos proxenitores viña a ser un compromiso máis formal dos mozos, de aí o barullo que había na casa dos Vázquez: o seu fillo maior iniciaba o camiño cara unha relación formal con “Lilí”.
Un recordo que non esquezo do día do premio é a cara de admiración e orgullo do avó Clemente, antigo emigrante a Cuba, ó ver o seu neto maior con smóking.
Tempo despois coñecín persoalmente a Lilí, ó coincidir con eles dous na rúa do Franco, e a primeira impresión que tiven dela foi … “encantadora e moi noviña”.
Araceli entra a formar parte da familia Vázquez-Vázquez
Os Vazquez-Diéguez, Manuel e Carmen, sen parentesco pero con iguais apelidos, procedían do medio rural, de dúas aldeas de Rodeiro, Cristimil e Vilameá, na parroquia de San Cristóbal.
Alá por 1943, cando o pequeno Humberto só tiña 2 ou 3 anos, instaláronse en Santiago, única cidade de Galicia con Universidade, coa clara intención de que os seus fillos puidesen estudar.
Tamén eles merecen hoxe un agradecemento especial polos seus sacrificios para conseguilo.
O ano 1968 foi un ano realmente importante para a familia Vázquez-Vázquez: Araceli entra a formar parte dela ó casar en xaneiro con Humberto, e Mario ó casar comigo en abril. No seguinte ano naceron os primoxénitos das dúas parellas.
Nos anos sucesivos a familia foise agrandando coa chegada de máis fillos, e cos matrimonios e retoños dos outros dous irmáns, Manolo e Alejandro.
Celebracións familiares
As vodas, bautizos e comuñóns eran celebracións familiares cada vez máis numerosas, ás que asistíamos tódolos membros da familia, así como outros familiares e amigos íntimos coa súa prole.
Nalgunha destas celebracións tiñan coincidido Araceli e os nosos amigos e veciños dende a infancia Lola Pose e Carlos García Martínez, fundador e director do Museo do Pobo Galego. Cando tal ocorría, as conversas de Lilí e “Necho” eran exclusivas e sempre discorrían sobre temas vinculados coa Cultura Galega.
Nesta data tamén lle quero adicar un cariñoso recordo a Carlos, falecido en marzo de 2018, polo seu intenso traballo a favor da Cultura de Galicia.
Lilí e Humberto, padriños do seu sobriño Jorge
Apóstolo e Nadal
Transcorridos os anos, xa sin a presencia dos avós Manuel e Cipriano, que morreron moi novos, e a medida que os compromisos laborais dos maiores e os escolares e deportivos dos pequenos foron aumentando, as xuntanzas familiares espazáronse, pero seguimos mantendo dúas fixas na casa da avoa Carmen: a festa do Apóstolo e a celebración no Nadal, maiormente en Fin de Ano.
Nos primeiros anos do seu matrimonio a Lilí sorprendíalle que fosemos capaces de estar cantando e con xogos (especialmente o xogo do “abellón”) ata altas horas da madrugada. Ela non era noctámbula como nós, estaba afeita a deitarse cedo e, suavemente, desaparecía sen que nos decatásemos, cara ao seu dormitorio. Cos anos, co crecemento dos fillos que xa se sumaban á troula, e polo seu interese crecente en aprender as cantigas que Manuel e Cármen nos ensinaran de nenos, foise incorporando cada vez con maior agarimo ás nosas noites cantareiras de Nadal.
A Araceli docente
Ó preparar este escrito chamáronme a atención dous datos vitais nos que coincidiron Araceli Herrero e Xela Arias: ambas estudaron no Colexio Fingoi de Lugo, aínda que posiblemente non chegaron a coincidir nel, ó ter Araceli trece anos cando nace Xela, e ambas compartiron profesión docente, se ben en momentos diferentes das súas vidas. Xela adicouse á docencia nos seus últimos anos, e Araceli, que comezou a impartir clases na Escola de Formación do Profesorado de Lugo nada máis licenciarse en Filosofía y Letras, exercerá a docencia ata a súa xubilación.
Licenciouse tamén Araceli en Filosofía Galaico-Portuguesa, e chegou a ser Catedrática de Lingua e Literatura no Campus de Lugo, adscrito á Universidade de Santiago.
Do labor de Araceli nos seus primeiros anos de docencia, tiven referencias directas a través de compañeiras, coas que coincidín en diferentes centros educativos. Na actualidade, xa próximas á xubilación como profesoras ou orientadoras educativas, lembran á “profesora Araceli”, que lles impartía clases de “Gallego” na Escola Universitaria de E.G.B. de Lugo, alá por 1975.
De Araceli destacan o traballadora, xenerosa e empática que era cos seus alumnos.
Lembran como se implicaba no seu traballo, como axudaba a aqueles alumnos que se esforzaban tratando de superarse, valorando moito neles o compromiso e o espírito crítico. Espírito crítico que ela mesma deixaba entrever nas súas clases na medida en que aqueles tempos llo permitían, así como a loita pola igualdade entre mulleres e homes.
Grande oradora, capaz de manter a atención de 60-70 alumnos naquelas clases eminentemente maxistrais.
Como muller da súa época, agradecerlle o papel na igualdade, e como membro da súa familia, dicir o orgullosos que estamos de que formara parte dela.
“Sempre te lembraremos, Araceli”.