O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
O sorriso de Araceli
Era o primeiro que percibías de Araceli: un sorriso amplo, acolledor, aberto, porta de entrada á amizade. Logo, percibías o calor da cultura, do saber, do entrañable, do familiar, e entendías por que Araceli Herrero Figueroa ía ser a túa amiga durante toda a vida.
Levábamos corenta anos de amizade que pasaron nun suspiro, que empezaron nos meus tempos da radio cando publicou o libro sobre o Pimentel inédito ou non recompilado. Porque foi Pimentel a primeira devoción que lle coñecín, pasando logo por Cotarelo Valledor, Xesús Rodríguez López, Cunqueiro ou doña Emilia para desembocar en don Ricardo.
Por Carballo era, máis ca devoción, relixión, e confesaba que por don Ricardo renunciou a estudar Medicina, contaxiada polo vello profesor de Fingoi de amor pola literatura e a docencia. E a don Antonio Fernández agradecíalle ter creado o singular colexio co que Lugo entrara nunha nova dimensión cultural e social, sen deixar picaramente de agradecerlle que, por unha das súas iniciativas empresariais -Oural-, coñecera a Humberto, o amor da súa vida.
Ramón Reimunde, Lilí Herrero, Eloi Caldeiro e Xulio Xiz, no salón de plenos do Concello de Lugo, presentando o libro "Anacos de Silencio", de Eloi Caldeiro
Tiven a honra de recibir de Araceli un dos seus últimos traballos sobre o maxisterio de don Ricardo, publicado no libro “Don Ricardo de Fingoi”, poñendo de manifesto os quince anos de Carballo en Lugo, resultando este libro unha homenaxe a Araceli pola súa xenerosidade e colaboración.
O maldito coronavirus arrebatounos a Araceli despois de tres meses de loita. Que as bágoas da súa familia e de todos os seus amigos, se vexan compensadas co agarimo pola entrañable profesora que acababa sendo amiga dos seus alumnos e, dalgún xeito, irmá dos seus amigos, que tentamos lembrala cun triste sorriso.