Basanta, Pilar / Gómez, Elvira

A nosa profesora

Araceli Herrero Figueroa foi a nosa profesora na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, nos primeiros anos da nosa formación coma mestras.

Dela era salientable o seu carácter amable e alegre, sempre cun sorriso na súa cara.

Muller traballadora e de longas conversas, disposta sempre a ofrecer a súa axuda, así coma gran cantidade de información e documentación para poder estudar e desenvolver calquera temática literaria, en especial, a literatura infantil, que con tanta paixón nos ensinou.

Transmitía o seu amor pola lingua e a literatura en xeral e, en especial, pola literatura galega, a través do estudo de numerosos autores coma Luís Pimentel, Carballo Calero, Cunqueiro e Emilia Pardo Bazán, empregando sempre a nosa lingua nas súas clases.

Inculcaba así no alumnado o amor polas nosas letras, animando sempre a seguir formándose máis alá do remate da carreira.

Muller valente, seguindo as súas pegadas entendemos a importancia da nosa cultura, deixando así o camiño para futuras xeracións.

Xamais esqueceremos o seu labor e a súa entregada dedicación.

Grazas.