O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Palabras de estima en memoria de Araceli Herrero Figueroa
Levaba eu un ou dous anos no colexio Fingoi, cando entraron nel dúas neniñas mui feitiñas e fermosas: eran as irmás Herrero Figueroa, Araceli e Macali. Araceli era a maior e creo que estaba nun curso inferior ao meu. Era especialmente sorriseira, aberta e faladora. Nosoutros, os de Fingoi, chamabámoslle sempre “Lilí”.
Axiña pasou a formar parte do cadro de actrices que dirixía don Ricardo e que acostumaba a poñer nos papeis principais das pezas dramáticas que adoitaban representarse no Nadal ou no festival de fin de curso. Creo que actuamos xuntas en varias obras e tamén que viaxamos xuntas en algunha das excursións que o colexio facía ao rematalo curso, nas que as veces xuntaban alumnos de dúas idades. Así, por exemplo, véxoa na excursión que fixemos a Valencia e ás illas Baleares, da que conservo algunhas fotos.
A nosa convivencia no colexio foi moi tranquila, pois nel para nada se fomentaba a competencia entre os alumnos. Cando acabei o sexto curso do bacharelato, marchei a Santiago para facer o Preuniversitario. E dende ese momento perdín o contacto con ela. Tampouco recordo de atopala na Universidade. Cando volvín a ter noticia dela foi cando eu xa era profesora na Universidade de Oviedo e ela pertencía á Universidade compostelá coma profesora da escola de Formación do Profesorado de Lugo. Creo recordar que, a través dela chegoume un “Caderno da escola dramática galega” adicado ao teatro en Fingoi.
Polo que vexo, o noso percorrido profesional ten moitas coincidencias. As dúas fixemos a licenciatura en Filosofía y Letras, e ela ameceu ademais outra en Filoloxía galego-portuguesa. Tamén fixemos as dúas a tese de doutoramento sobre dous escritores galegos: ela sobre o poeta lugués Luís Pimentel, tan recoñecido polo noso Profesor Carvalho Calero. Eu sobre Ramón María del Valle-Inclán. As dúas prestamos moita atención ao teatro, sen esquecer tampouco os demais xéneros literarios. E ámbalas dúas culminamos a nosa carreira universitaria sendo profesoras titulares de Universidade: ela na Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Formación do Profesorado, eu na Universidade de Oviedo, no departamento de Literatura como profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada de dito departamento. Paréceme que as dúas eramos apaixonadas da nosa profesión, a que adicamos gran parte da nosa vida sen descoidar a conciliación familiar.
Igual ca ela, eu tamén tiven as miñas tentativas no cultivo da literatura, sobre todo baixo o estímulo de Carvalho Calero. Participei nos xogos Minervais de 1963, nos que gañei o segundo premio de poesía en lingua galega. Tamén teño a sorte de contar con publicacións de contos e traducións de castelán a galego dunha lenda provenzal baixo o auspicio do noso común mestre.
Camolas, Lilí, Gloria, Maricruz Truque e Tona. Sentada, Marina Cal
Para rematar, teño que dicir que me enterei do pasamento de Lilí por Macali e Xosé Ramón -compañeiro meu na Universidade compostelá-, aos que escribín un whatsapp no grupo de chat que crearon as miñas compañeiras de curso da Universidade de Santiago co gallo das vodas de ouro da nosa promoción. Nese mensaxe pedinlles aos dous, Macali e Xosé Ramón, membros moi activos do tal chat, que lle fixeran chegar a Lilí os meus saúdos. Ao instante, escribiume Macali contándome a terrible noticia do falecemento da súa irmá. Quedei abraiada por un longo tempo e cadora se me viñan as bágoas aos ollos.
Por todo o que veño dicindo, cando se me pide unha colaboración para o libro que se pretende publicar na súa memoria, quixen participar para deixar constancia da consideración e estima pola miña compañeira Lilí.