O sorriso de Lilí / Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa / Colectivo Egeria
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
Sae á luz este libro en homenaxe a Araceli Herrero Figueroa cando aínda se conserva vivo entre nós o recordo do seu sorriso perenne e familiar ao que se alude insistente e coincidentemente nas páxinas que veñen a seguir. Non é por azar, pois, que esta merecida e ben oportuna homenaxe editorial a quen foi unha persoa de excepcionais méritos académicos e humanos reciba un título que pon o acento nesa faciana da súa personalidade a través do testemuño daquelas persoas que a quixeron, a admiraron e recibiron dela o soberbio agasallo da súa amizade ata o momento en que a Covid-19 lle arrebatou a vida prematuramente.
Entre nós, os galegos e as galegas, a alusión ao sorriso sen outros determinantes evoca de inmediato ao que vén expresando desde o século XII o profeta Daniel no Pórtico da Gloria, estampa simpática que lle confire un aquel de contrapunto á atmosfera de seriedade do conxunto da composición do mestre Mateo. Seguramente no proceso para lle dar título a este libro, consciente ou inconscientemente, evocouse a imaxe do profeta Daniel nas mentes das persoas responsables da súa edición literaria, imaxe coa que se proxecta un xogo de semellanza co sorriso franco, aberto, irónico e lúcido da Araceli que a tantas e tantos encandeou.
Con todo, cómpre non esquecer que Araceli Herrero Figueroa foi tamén unha persoa de vocación marcadamente social, destacando na súa dupla condición de muller e mais de profesora universitaria e investigadora, tanto da didáctica da lingua galega como da literatura. Estas dúas facetas dela quedan ao descuberto a través destas páxinas, xa que se nos expón con detalle a vida, o contexto familiar e as peripecias académicas e profesionais dunha muller que foi pioneira na provincia de Lugo nas que constitúen, con toda seguridade, dúas das transformacións sociais máis importantes que a nosa sociedade experimentou no transcurso dos últimos 50 anos.
Unha delas, o ingreso da muller, chanzo a chanzo, en ámbitos sociais para ela vetados durante séculos, nomeadamente aos da formación e aos do exercicio profesional en campos relacionados co saber científico, ao que lle hai que engadir a incorporación do galego a ámbitos de tanta transcendencia como os da educación. Neste último senso, cómpre deixar constancia de que as contribucións de Araceli como catedrática de Didáctica de Lingua e de Literatura na Escola de Formación do Profesorado de Lugo foron fundamentais para facer do estudo da nosa lingua e da literatura nela expresada non só un exercicio útil, senón tamén doce.
Así, pois, de xustiza é agradecerlle a Araceli Herrero Figueroa que fixese partícipes a tantas persoas dos abundantes froitos da súa aventura de vivir. Permaneza en todos e todas nós a lembranza do seu sorriso irrepetible.